O director de Turismo de Galicia asinou no Centro de Atención ao Peregrino un convenio co director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo

Xosé Merelles salienta a aposta da Xunta pola ordenación e control de fluxos de visitantes á Catedral de Santiago e á Oficina do Peregrino

Puxo de manifesto a importancia de seguir traballando a prol dunha actividade turística “responsable, ordenada e ben planificada con todas as institucións”

Esta acción alíñase cos compromisos do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027 que busca, ente os seus obxectivos, mellorar a experiencia da peregrinación

Indica que a Xunta ten monitorizado o Camiño de Santiago co Big Data e que se traballa na instalación de 18 novos sensores para “seguir mellorando a toma de decisións e garantir que se manteñen os valores da ruta xacobea”

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou hoxe co director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, un convenio de colaboración para reforzar o control de fluxos de visitantes no complexo catedralicio cun investimento de 1M€, onde salientou o compromiso “constante e consolidado no tempo” que a Xunta de Galicia para contar cun modelo turístico “sustentable, ordenado e ben planificado en colaboración con todas as institución”.

Neste sentido, o director de Turismo dixo que o acordo dá continuidade á colaboración que o Goberno autonómico mantén coa Catedral de Santiago desde hai anos para mellorar a experiencia dos visitantes a través de iniciativas como, no seu momento a regulación das visitas ao Pórtico da Gloria despois de ter sido rehabilitado ou a axuda habitual que a Xunta mantén para controlar os accesos e fluxos de visitantes.

“Conseguimos dar resposta á positiva evolución da chegada de visitantes e peregrinos a Galicia que experimentamos nos últimos anos. De feito, a recollida de Compostelas está medrando a un ritmo do 18%, con máis de 153.000 peregrinos no que vai de ano”, expresou Merelles ao tempo que se referiu aos máis de 1.3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos no primeiro cuatrimestre do ano.

O director de turismo salientou tamén que esta medida alínase cos compromisos plasmados en distintas das liñas de acción do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027, a folla de ruta do Goberno galego no horizonte do vindeiro Ano Santo que inciden en mellorar os servizos de atención ao peregrino.

Neste sentido, recordou que o Goberno autonómico ten monitorizado o Camiño de Santiago con distintas ferramentas para coñecer mellor os fluxos a través do Big Data. Nunha primeira fase instaláronse 12 nodos no Camiño Francés, Norte e Primitivo e se ampliou aos Camiños do Norte, Primitivo, Inglés, Portugués e Fisterra. Recordou que neste 2024 acometerase a segunda fase con 18 novos nodos para reforzar a medición das rutas “e incorporar novos caminos ao estudo para consolidar este proxecto de cara ao vindeiro Ano Santo 2027 para seguir mellorando a toma de decisións ao redor da ruta xacobea para garantir a preservación dos seus valores”.  

Seguridade e vixilancia

Ao abeiro deste convenio, a actuación de reforzo do persoal de seguridade na Catedral será executada pola Fundación Catedral de Santiago e o reforzo do persoal de seguridade na Oficina de Atención ao Peregrino será executada pola S.A.M.I. Catedral de Santiago, en ambos casos, mediante empresas de seguridade privada.

Con esta axuda económica sufrágase o reforzo no servizo continuo tanto de vixilancia de seguridade como en servizos auxiliares no control de accesos, no interior do templo para o culto, apertura de portas, entrega e recepción de chaves, atención aos sistemas de seguridade, entre outras, na Catedral e na Oficina de Atención ao Peregrino. Tamén para o control do Portico da Gloria e do circuito de visita á cripta e ao abrazo ao Apóstolo.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024