A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático mantivo un encontro co director xeral de Costas e Xestión do Espazo Marítimo do Goberno de Canarias

Galicia apoia a Canarias nas xestións para exercer plenamente as súas competencias sobre o litoral fronte ás trabas do executivo central

O Goberno canario está a seguir un camiño moi semellante ao do galego pois presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional para defender as súas atribucións neste eido ao tempo que traballa no deseño da Lei Canaria de Costas

Ángeles Vázquez traslada a disposición da Xunta a colaborar na medida do posible e prestar asesoramento para que a comunidade canaria conte cunha normativa para a xestión da costa completa e sólida como a galega

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático defende a importancia de que as comunidades actúen unidas para frear aquelas decisións do Executivo central que pretenden eliminar a presenza de calquera actividade humana da costa

A Administración galega sostén que as comunidades autónomas son as máis indicadas para xestionar o seu litoral pois coñecen mellor as súas necesidades e as características das actividades que se desenvolven nel combinando os aspectos medioambientais cos socioeconómicos

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

Galicia apoia a Canarias nas xestións que está a realizar para exercer plenamente as súas competencias para ordenar o litoral fronte ao rexeitamento e as trabas postas polo Goberno central. De feito, a comunidade canaria está a seguir un camiño moi semellante ao da galega pois presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional para defender as súas atribucións neste eido ao tempo que traballa na elaboración da Lei Canaria de Costas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro co director xeral de Costas e Xestión do Espazo Marítimo do Goberno de Canarias, Antonio Manuel Acosta, ao que lle trasladou a disposición do Executivo galego a colaborar na medida do posible e prestarlle asesoramento para que conte cunha normativa para a xestión do litoral completa e sólida como a galega.

A responsable autonómica lembrou que a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, recorrida polo Goberno central de forma inxustificada, foi avalada a finais de abril polo Tribunal Constitucional admitindo a competencia exclusiva da comunidade sobre o seu litoral e sobre os usos que nel se poden facer sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía.

Nesta liña, Ángeles Vázquez subliñou que Galicia abriu o camiño para outras comunidades na defensa dos seus intereses e sentou as bases para poder frear aquelas decisións do Goberno central que pretenden eliminar a presenza de calquera actividade humana da costa. Por iso, apelou á unidade das comunidades autónomas co obxectivo de desenvolver as competencias que teñen legalmente recoñecidas nos seus estatutos.

De feito, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu en que a Xunta xa instou ao Estado a transferir o antes posible os medios humanos e materiais para poder exercer plenamente as competencias de ordenación e xestión do litoral dando maior seguridade xurídica ás empresas e cidadáns con propiedades na costa e contribuíndo á protección da biodiversidade galega.

O Executivo galego defende a importancia de que as comunidades autónomas poidan ordenar e xestionar a súa costa pois son as que coñecen mellor as súas necesidades e as características das actividades que se desenvolven nelas. Nesta liña, Ángeles Vázquez incidiu na transcendencia de conxugar a protección do medio ambiente coa defensa do impacto socioeconómico das decisións que se adoptan.

Comunidade líder

A conselleira puxo en valor que Galicia é líder en moitos aspectos en materia de ordenación do litoral e que o aval do Constitucional á súa lei facilitará o labor doutras autonomías como Canarias, Baleares ou a Comunidade Valenciana na xestión do seu litoral e na elaboración das correspondentes normativas para avanzar nese eido.

A lei galega facilitará a xestión de máis de 2.500 quilómetros de costa, duns ecosistemas mariño-costeiros dos máis variados do mundo e dun sector produtivo vencellado co mar que dá emprego a arredor de 40.000 persoas e xera unha actividade económica de 9.000 millóns de euros anuais, o equivalente a preto do 5% do PIB da comunidade autónoma.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024