O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e o fiscal superior de Galicia presidiron esta mañá a reunión da Comisión Mixta de Coordinación entre a Xunta e o Ministerio Fiscal

A Xunta reforza a dixitilización e o coñecemento das oficinas de asistencia ás vítimas

O Goberno galego implantou a cita previa e actualizou a información dispoñible na sede electrónica, ademais de impulsar campañas divulgativas e formativas específicas en diversos ámbitos como o escolar

Entre os avances realizados no eido xudicial destacan tamén as melloras previstas para este ano en diferentes sedes e xulgados, cun investimento de case 600.000€

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron esta mañá a Comisión Mixta de Coordinación entre o Ministerio Fiscal e a Xunta na que se abordaron as accións de reforzo da dixitalización e o coñecemento das Oficinas de Atención ás Vítimas (OAV) situadas nas cidades galegas, as obras previstas en fiscalías e sedes xudiciais da comunidade, e outras cuestións relacionadas con medios materiais e tecnolóxicos.

Na reunión de hoxe tamén participou o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e, por parte da Fiscalía, asistiron a fiscal xefa da Unidade de Apoio da Fiscalía Xeral do Estado, Esmeralda Rasillo; o fiscal da Unidade de Apoio, Raúl Martínez; e os fiscais xefes provinciais das catro provincias galegas.

Canto ao funcionamento das sete OAVs, na xuntanza avaliáronse os últimos avances realizados, como a implantación da cita previa e a actualización da información dispoñible na sede electrónica da Xunta. Ademais, impulsáronse campañas e actos divulgativos e formativos en diversos ámbitos, así como a posta en marcha do primeiro Plan integral cotra o acoso e o ciberacoso escolar, entre outras accións.

Nesta liña, tamén se presentaron as actuacións previstas nas próximas semanas, como a elaboración dun manual de boas prácticas para o tratamento informativo dos datos das vítimas, mellora dos rótulos nas oficinas e posta en marcha dunha primeira versión do Sistema de Información das OAVs.

Cómpre lembrar que a Xunta vén traballando na consolidación do  modelo de atención asistencial a través das OAVs no ámbito da xustiza. Este sistema inclúe a intervención psicolóxica e asistencia social na que os profesionais da psicoloxía e de traballo social levan a cabo unha atención individualizada da vítima co obxectivo de posteriormente aplicar medidas de protección necesarias que minimicen os trastornos psicolóxicos e propoñer outras que garantan a protección da vítima durante todo o proceso xudicial e tamén un seguimento posterior. 

As medidas enmárcanse no compromiso da Xunta para garantir a protección das vítimas de violencia de xénero nas sedes xudiciais, tanto con actuacións de prevención e concienciación como de formación dos profesionais da Administración de Xustiza. Así, co obxectivo de evitar a confrontación co agresor tamén se traballou nos últimos anos na habilitación de espazos separados. Deste xeito, en máis dunha trintena dos 45 partidos xudiciais da comunidade xa hai, ou ben salas específicas destinadas á atención ás vítimas ou salas de agarda.

Cómpre engadir que todos os novos edificios xudiciais, por exemplo no que se vai construír na Estrada, deséñanse cunha sala de atención ás vítimas e con circulación reservada para agresores-detidos. A Xunta tamén dotou de salas Gesell ás sedes xudiciais das cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, para que testemuñas menores de idade e as vítimas especialmente vulnerables e protexidas poidan declarar en condicións de protección e privacidade.

Melloras en instalacións xudiciais

Por outra banda, na xuntanza de hoxe avaliáronse as melloras previstas neste ano nas fiscalías e sedes xudiciais, ás que a Xunta destinará preto de 600.000 euros. No caso da  provincia da Coruña, actuarase na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de Galicia, na Audiencia Provincial e en xulgados da Coruña, Betanzos, Ferrol, Ribeira, Sada e Santiago de Compostela. En Lugo haberá obras nos xulgados de Vilalba, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos e A Fonsagrada, e en Ourense nos xulgados do Barco de Valdeorras. A maiores, na provincia pontevedresa haberá melloras en edificios de Vigo -Cidade da Xustiza, rexistro civil e local de vodas da rúa Abelenda Menéndez-, Pontevedra -Audiencia Provincial e xulgados vellos- Caldas de Reis, Cambados, Lalín e Tui.

Estes investimentos súmanse ao case millón de euros destinados a máis de 70 actuacións nas sedes xudiciais galegas ao longo dos exercicios 2022 e 2023. As obras enmárcanse na aposta do Goberno galego por garantirlles a traballadores e usuarias unhas instalacións de calidade, na que tamén se encadra o Plan de infraestruturas xudiciais dotado con máis de 125 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2024