Abril Castro Purriño, do Colexio Cervantes, de Lugo, gañadora en Galicia do concurso ‘Que é un rei para ti?’

Asistirá a unha audiencia con Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real

Á fase autonómica do certame concorreron 1.218 traballos de 109 centros educativos

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, xunto coa coordinadora de Programas da Fundación Institucional Española (FIES), Victoria Revilla, e Óscar Aragón Fernández, representante institucional da Fundación Orange, participou hoxe no acto no que se deu a coñecer o nome do gañador da fase autonómica da 43ª edición do concurso Que é un rei para ti?.

Abril Castro Purriño, alumna de 6º de Primaria do colexio CPR Cervantes de Lugo, resultou gañadora en Galicia deste certame, promovido por FIES e Fundación Orange. O seu traballo O carrusel de España, amosa todas as comunidades autónomas movéndose e xirando de xeito harmónico nun tiovivo encabezado polo monarca.

A alumna vencedora asistirá, xunto co resto de representantes doutras rexións, a unha audiencia co rei Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real. En total tomaron parte da fase galega 1.218 traballos realizados procedentes de 109 centros educativos.

Traballos en novos formatos

O obxectivo do concurso é fomentar nos nenos e nenas de 8 a 13 anos unha primeira toma de contacto coa figura do monarca, coa historia da Coroa e o seu papel na sociedade actual. Pode participar nel todo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria

En liña coa transformación dixital que está a experimentar a sociedade, foméntase a presentación de traballos en novos formatos como infografías, proxectos ligados á robótica ou animación en 3D, xunto a outras formatos máis tradicionais (debuxo, escultura, redacción, etc.). No acto de hoxe, realizouse tamén a exposición dos 40 traballos finalistas en Galicia, que amosan mediante a imaxinación, a creatividade, o talento e o esforzo, a particular visión do alumnado arredor da figura de Felipe VI.

Data de actualización: 07/06/2024