A Xunta destaca a vocación integral e transversal da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo

A xerente do Issga interveu hoxe na I Xornada de seguridade e saúde no traballo organizada polo servizo de prevención Más prevención

A estratexia atende ás necesidades de enfrontar os riscos ante a transformación do mercado laboral e aborda, entre outras, a xestión preventiva no uso de tecnoloxías como a intelixencia artificial, internet ou plataformas virtuais de traballo

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2024

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, puxo hoxe en valor a vocación integral da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia Horizonte 2027 e o consenso acadado cos interlocutores sociais na súa configuración.

Fíxoo no marco da I Xornada de seguridade e saúde no traballo organizada polo servizo de prevención Más prevención, coa colaboración do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e que se celebra hoxe en Santiago de Compostela. Alí tamén destacou o compromiso da Xunta para garantir contornas de traballo seguras, saudables e sustentables a través desta folla de ruta que atende a todas as disciplinas preventivas de maneira transversal e actualizada á nova realidade económica.

Ao mesmo tempo, expuxo, este documento avoga por crear unha rede de alianzas, cuestión clave para traballar en conxunto, compartindo coñecementos, recursos e boas prácticas co fin de protexer a saúde e seguridade dos traballadores e fomentar unha cultura preventiva en Galicia. O obxectivo global disto é contribuír á redución da sinistralidade laboral, fomentando á súa vez o benestar laboral e a Promoción da Saúde no Traballo (PST). A estratexia tamén fomenta a igualdade laboral e unha sociedade máis equitativa.

Con ese fin, sinalou Adela Quinzá-Torroja, esta folla de ruta  avoga por situar como valores fundamentais a saúde integral das persoas traballadoras, o crecemento económico e social das empresas e organizacións e o benestar laboral, que sitúe no centro ás persoas.

Deste xeito, a estratexia dá resposta a un contexto laboral en permanente transformación. Persegue facer fronte aos riscos derivados das novas formas de traballo. Adapta a xestión preventiva ao uso das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, internet, os robots colaborativos ou ás plataformas dixitais de traballo.

Obxectivos estratéxicos

Para iso, a Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo ten seis obxectivos estratéxicos nos que afondou a xerente do Issga. Entre eles, reforzar o compromiso, a especialización técnica e a participación en materia de seguridade e saúde no traballo; mellorar a calidade da xestión preventiva para reducir a sinistralidade laboral e afrontar os riscos laborais derivados dos novos escenarios neste ámbito.

Os outros tres obxectivos pasan por atender as necesidades dos colectivos que precisan dunha especial protección pola súa vulnerabilidade, os seus riscos ou a súa sinistralidade; xerar e compartir coñecemento especializado en prevención de riscos laborais a través da sensibilización, o asesoramento técnico e a formación así como potenciar accións para a promoción da saúde no traballo e a consecución do benestar laboral.

Ademais de contar coa participación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través do Issga, nesta xornada, que se celebra no edificio Cersia, tamén participan distintos expertos relacionados coa seguridade laboral.

Data de actualización: 07/06/2024