O presidente do Goberno galego reuniuse esta tarde con José Luis Mosquera

Rueda traslada ao novo director de Stellantis Vigo o compromiso da Xunta coa industria da automoción

Salienta que a Administración autonómica vai continuar dando apoio aos plans de futuro da planta no marco do plan director da automoción no que se traballa man a man co sector

Lembra a próxima posta en marcha dunha liña de axudas por 18 M€ para impulsar os investimentos das empresas auxiliares

Na reunión abordouse tamén a implantación da nova plataforma eléctrica e a situación do Perte VEC

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou esta tarde ao novo director de Stellantis Vigo, José Luis Mosquera, o firme compromiso da Xunta coa competitividade tanto da factoría viguesa como da industria de compoñentes, apoiando a innovación, a formación e os investimentos deste sector estratéxico.

No encontro, no que tamén participou o director saínte, Ignacio Bueno, abordáronse as perspectivas de futuro da planta, ás que se vai continuar dando apoio no marco do plan director da automoción no que se traballa man a man co sector. Neste eido, tal e como se lembrou na reunión, a Xunta vai poñer en marcha unha nova liña de axudas por un total de 18 millóns de euros para axudar ás empresas auxiliares no seu proceso de transformación.

Ademais, vense de publicar a resolución da quinta convocatoria do programa Fábrica Intelixente e Sustentable, na que o proxecto Facendo Plus, liderado por Stellantis, obtivo axudas por 9,8 millóns de euros. Esta iniciativa busca conformar arredor desta planta un ecosistema tecnolóxico avanzado de referencia de vehículos ecolóxicos.

Na reunión abordouse tamén a implantación da nova plataforma eléctrica e a situación do Perte VEC, polo que ata o de agora a planta de Vigo recibiu de xeito provisional 20,7 millóns de euros de subvención e 8,5 millóns de euros de préstamos procedentes dos fondos Next Generation.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024