A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o titular de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron hoxe na clausura da Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

A Xunta avoga pola colaboración constante coa CEG para consolidar en Galicia os datos de crecemento económico, emprego e produción industrial

Destaca os datos coñecidos hoxe do Índice de Produción Industrial (IPI) rexistrado en abril, que creceu en Galicia un 17%, catro puntos máis que a media nacional

Garante o compromiso coa desburocratización e cunha planificación industrial “absolutamente ligada” ao aproveitamento dos recursos naturais

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por proseguir na liña de colaboración “constante e continuada” que manteñen a Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para consolidar os datos de crecemento económico, emprego e de produción industrial que rexistra actualmente a comunidade autónoma.

Lorenzana, acompañada do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral da CEG, onde destacou os datos coñecidos hoxe do Índice de Produción Industrial (IPI) rexistrado en abril, que creceu en Galicia un 17%, catro puntos máis que a media nacional. Segundo dixo, “non é un dato casual” e vai en liña co obxectivo marcado polo Goberno galego de conseguir que a achega ao PIB do sector industrial pase en Galicia 16,3% ao 20%, argumentou.

Neste contexto, a conselleira de Economía e Industria asegurou que a Xunta vai seguir traballando no Plan de aceleración industrial, que considerou clave tanto á hora de captar novos investimentos como en relación ás empresas xa instaladas ou con plans de ampliación en territorio galego. Ao respecto, lembrou que foi un compromiso adquirido polo presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, na propia lei de acompañamento aos Orzamentos, garantir un prazo de tramitación de menos dun ano para aqueles proxectos industriais que se queiran instalar en Galicia e supoñan unha incidencia territorial e socioeconómica de un ano.

Na mesma liña, manifestou o compromiso de continuar coa desburocratización, a través da Oficina Económica de Galicia dependente do Igape que, no seu primeiro mes de funcionamento, en abril, rexistrou máis de 900 consultas e máis de cen citas de acompañamento ás empresas galegas.

Finalmente, en relación á planificación industrial, Lorenzana mencionou o Plan industrial de Galicia e os plans directores por sectores nos que a Xunta está traballando, e subliñou que a intención é que esta planificación vaia “absolutamente ligada” ao aproveitamento dos recursos naturais, tanto eólicos como calquera outro de enerxía hidráulica ou almacenamento enerxético, dixo. Para iso, concluíu apelando ao traballo da man dos sectores económicos e o tecido empresarial a través da Confederación de Empresarios de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024