O conselleiro de Sanidade inaugurou a I Xornada de Saúde virtual e dixitalización, que se desenvolve entre hoxe e mañá en Compostela coa participación de diferentes comunidades autónomas

Gómez Caamaño destaca o Plan Estratéxico de Transformación e Saúde Dixital como exemplo do compromiso da Xunta para modernizar o sistema galego de saúde

Durante a vixencia deste Plan, 2023-2026, a Consellería de Sanidade traballará na xestión intelixente dos datos e no uso da tecnoloxía avanzada para acadar unha atención máis eficiente e de maior calidade

O conselleiro destaca a historia clínica electrónica IANUS 5 como unha iniciativa de dixitalización da Xunta que é referencia para moitas autonomías

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta tarde a I Xornada de Saúde virtual e dixitalización, compartindo experiencias, un acto no que puxo en valor o Plan Estratéxico de Transformación e Saúde Dixital 2023-2026 como exemplo do compromiso da Xunta coa modernización do sistema sanitario público galego.

Segundo apuntou Gómez Caamaño, co desenvolvemento deste plan, a Consellería de Sanidade está a centrar os seus esforzos na xestión intelixente dos datos e no uso da tecnoloxía avanzada para transformar o sistema sanitario público de Galicia.

Así, e acompañado polo director da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, o titular de Sanidade avogou por seguir mellorando a accesibilidade e a conectividade dos servizos sanitarios galegos, ademais de apostar pola automatización de todos aqueles procesos que permitan acadar unha atención máis eficiente e de maior calidade.

O conselleiro puxo como exemplo desta aposta pola dixitalización a historia clínica electrónica única de Galicia, a IANUS 5, unha ferramenta que serve de referencia a moitas outras autonomías.

“Debemos traballar xuntos para garantir unha mellora na relación médico-paciente, e tamén para asegurar a viabilidade dos nosos sistemas de saúde”, salientou.

O titular de Sanidade rematou a súa intervención agradecendo aos  representantes dos diferentes sistemas sanitarios autonómicos (Castela e León,  Principado de Asturias, Cataluña, Comunidade de Madrid, Andalucía e Castela-A Mancha), que se achegarán até Galicia para compartir durante as xornadas de hoxe e mañá as súas experiencias e proxectos sanitario-tecnolóxicos que contaron con máis éxito.

Importancia da telemedicina para optimizar a relación médico-paciente

Desde Abbott Diabetes Care, patrocinadores das xornadas, incidiron en que o avance da telemedicina está permitindo optimizar a relación-médico paciente, polo que é esencial enfocar a dixitalización da saúde cara ao factor máis humano.

Destacan, como paradigmático nos distintos servizos de saúde autonómicos, o caso da diabetes. Así, a incorporación dos sistemas de monitorización de glucosa en cada rexión permite ter numerosas experiencias de vangarda que melloraron a xestión da diabetes, tanto a nivel persoal, como desde o punto de vista profesional, ao achegar beneficios como as lecturas de glucosa automáticas no móbil e a posibilidade de axustar o tratamento a distancia. Estes exemplos servirán para continuar avanzando cara a era dixital nun contexto de cronificación das patoloxías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024