Martina Aneiros sitúa o deporte como un dos elementos diferenciadores da oferta e destino turístico de Galicia

A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou hoxe, xunto ao xerente de Turismo de Galicia, na presentación das tres probas de World Surf League (WSL) que terán lugar este verán na comunidade autónoma

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada polo xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participou hoxe na presentación das tres probas da World Surf League (WSL) que se celebrarán este verán en Galicia, onde apostou polo deporte como “elemento diferenciador da nosa oferta turística ao tempo que nos mellora como destino”.

Concretamente, Ferrol será escenario do 13 ao 16 de xuño da Gadis Longboard Festival Ferrol. Logo, en agosto terá lugar a Abanca Pantin Classic Galicia Pro, en Valdoviño, e en setembro celebrarase en Razo (Carballo) a Cabreiroá Junior Pro Razo. Todas estas probas forman parte da World Surf League, están promovidas polo club de surf Praia de Pantín e contan co apoio da Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, Aneiros subliñou que eventos coma este son todo un espectáculo deportivo ao aire libre que nos sitúa nun posto relevante en canto a destino sostible e nos converte nun escaparate turístico para a promoción destas zonas costeiras.

Recordou o feito de que citas deste tipo congreguen na Comunidade a deportistas de elite ao tempo que tamén serven para atraer visitantes que acoden como espectadores. “O surf preséntase coma unha excelente oportunidade para todo o sector turístico á hora de promocionar a nosa oferta”, sinalou ao tempo que engadiu que “non podía atopar mellor escenario para a celebración destas probas que as nosas costas”.

Neste sentido, quixo amosar todo o apoio da Axencia de Turismo de Galicia a este tipo de iniciativas, apostando por ser sede de acontecementos deportivos nacionais e internacionais de categorías absolutas pero tamén inferiores, un tipo de turismo que “terá un oco na nova Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030 na que está a traballar o Goberno galego”, avanzou.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024