O CGTD volverá contar con 160 prazas nas súas 13 especialidades deportivas na tempada 2024-2025

O Diario Oficial de Galicia tamén vén de publicar a orde para a concesión das seis bolsas -3 mulleres e 3 homes- de persoas colaboradoras

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde do 22 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2024-2025. As federacións deportivas galegas contan cun mes a partir de hoxe para presentar as solicitudes de xeito electrónico para os seus deportistas.

Coma nos anos anteriores, mantense o número total de prazas en 160 estando distribuídas da seguinte maneira: ata un máximo de 105 prazas para o grupo de tecnificación -84 residentes e 21 externos- que se distribuirán entre os cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato; así como 55 prazas para o grupo de rendemento -12 residentes (non podendo ser máis de 7 do mesmo sexo e como máximo 4 da mesma sección deportiva) e o resto externos ata completar as prazas ofertadas-.

Por outra banda, é importante destacar que en ambos grupos, tanto no grupo de tecnificación coma no de rendemento, resérvanse un 5 % das prazas ofertadas para persoas con discapacidade (en caso de non seren ocupadas pasarían a ser ocupadas pola cota ordinaria), e outro 10 % das prazas resérvanse por parte da Secretaría Xeral para o Deporte para seren ocupadas durante todo o curso académico en función de situacións de urxencia ou necesidade, cumprindo sempre os criterios de excelencia deportiva e nivel académico.

As prazas de tecnificación quedan finalmente repartidas da seguinte maneira segundo as 13 especialidades deportivas coas que contará o CGTD nesta tempada: atletismo lanzamentos (4 prazas de residente), bádminton (7 prazas de residente), judo (8 prazas de residente), loita (7 prazas de residente), natación pura e augas abertas (6 prazas de residente), natación artística (5 prazas de residente), piragüismo slálom (4 prazas de residente), piragüismo AT (17 prazas de residente), remo (4 prazas de residente), taekwondo (8 prazas de residente), tríatlon (7 prazas de residente), vela (4 prazas de residente) e ximnasia (3 prazas de residente).

Persoas colaboradoras

Ademais, no día de antonte, o Diario Oficial de Galicia publicou a Orde do 22 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2024/25, e pola que se procede á súa convocatoria. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

En total convócanse 6 prazas de colaboradores -3 para cada sexo- co obxectivo de ter unha representación con paridade para poder garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro.

Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar. Ademais, estas persoas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa -de luns a venres-, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) e poderán ser prorrogadas ata que a persoa beneficiaria  remate os seus estudos  sempre que cumpran cos requisitos e obrigas recollidas na convocatoria.

CGTD

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (único en Galicia) naceu no ano 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia a nivel deportivo na nosa comunidade, en busca da excelencia competitiva, unha excelencia que contempla, por suposto tamén, a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. No 2007 e 2010 incorpóranse respectivamente á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, ampliando así a oferta de seccións deportivas que a día de hoxe conta cunha moi ampla variedade. 22 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos, dos cales os últimos Antía Jácome e Caetano Horta, pasaron polas instalacións do CGTD cunha colleita total de 11 medallas dende Sídney 2000. Pero non se queda só ahi, grandes atletas que cada ano participan en europeos e mundiais pasaron e seguen pasando por un centro que opta a seguir sendo por moitos anos máis un referente do deporte galego e nacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024