A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño supervisaron a obra
A Xunta avanza nas obras da primeira fase do novo Hospital Público de Montecelo que acadan xa un grao de execución do 75 %
Neste momento traballan case 200 operarios no novo Montecelo, acadando xa a obra un grao de execución do 75 %
Son 92.000 metros cadrados de nova superficie construída, onde se centralizarán as urxencias, as unidades de coidados Intensivos e especialidades sanitarias, e na que a forma de “Z” da planta da hospitalización converterase nunha marca do propio edificio
María Martínez Allegue destaca nesta 1ª fase da ampliación do hospital a execución do aparcamento en urxencias de 128 prazas e a tramitación para a construción dun novo con 892 prazas máis na beirarrúa contraria da avenida Montecelo
Adianta a posta en servizo a finais do 2026 deste novo aparcamento, xunto coa construción dunha nova cafetería que servirá de conexión entre o antigo e novo hospital, que conta cun orzamento de case 4 M€
O conselleiro de Sanidade resalta que o Novo Montecelo permitirá contar con novos servizos de radioterapia e medicina nuclear, evitando o desprazamento de máis de 500 pacientes cada ano ata Vigo
Subliña o compromiso da Xunta coa sanidade pontevedresa ao dotar a área sanitaria por primeira vez cunha UCI pediátrica, ademais de mellorar os coidados da saúde mental infanto-xuvenil, coa posta en marcha dun hospital de día
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024
A Xunta avanza nas obras da primeira fase do novo Hospital Público de Montecelo, que acadan xa un grao de execución do 75 %.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, supervisaron hoxe en Pontevedra a marcha da maior obra pública programada na cidade e que suporá a unificación de unidades asistenciais sanitarias. No percorrido pola obra participou tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra – O Salnés, José Manuel Flores.
Martínez Allegue explicou as actuacións desenvolvidas nas obras do novo Montecelo, onde se centralizarán as urxencias, as unidades de coidados intensivos e especialidades sanitarias, e nas que traballan neste momento case 200 operarios. Referiuse, tamén, ás actuacións do Concello, que está a executar as obras de acometida de saneamento e pluviais e xa está a redactar a acometida eléctrica. Ademais, púxose en servizo o vial perimetral.
Tal e como sinalou a conselleira, son 92.000 metros cadrados de nova superficie construída para acadar “unha infraestrutura moderna, sostible, e sobre todo funcional que suporá maior eficacia asistencial”. Tamén, tal e como apuntou, a forma de “Z” da planta da hospitalización do Novo Montecelo converterase nunha marca do propio edificio, “que singulariza un inmoble cuxo único propósito é facilitarlle o traballo ao persoal do Servizo Galego de Saúde para que coiden, curen e salven vidas”. Isto, segundo indicou, será posible o ano que ven, no 2025.
Martínez Allegue indicou que as obras que executa o departamento que dirixe por encomenda da Consellería de Sanidade, no marco do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que desenvolve o Plan Director, reserva ademais un espazo de preto de 35 hectáreas no seu ámbito para un novo aparcamento.
Explicou que nesta 1ª fase da ampliación do hospital estase xa a executar un aparcamento en urxencias de 128 prazas e tramítase a construción dun novo con 892 prazas mais (na beirarrúa contraria da avenida Montecelo). Martínez Allegue concretou que o aparcamento se concibe integrando o hospital e a paisaxe, incluíndo os elementos precisos – plataformas ou ramplas – para facilitar a accesibilidade, con accesos axeitados para persoas con mobilidade reducida.
A conselleira precisou que a infraestrutura contempla tamén unha cafetería no novo edificio que ademais servirá de punto de conexión entre o antigo e o novo hospital. Estará no mesmo nivel que o acceso ao novo edificio hospitalario e contará cun espazo aberto, das que destacou tamén as espectaculares vistas de Pontevedra e da súa ría.
Martínez Allegue adiantou que tanto esta nova cafetería, que conta cun orzamento de case 4 M€, como o novo aparcamento, se espera poida estar en servizo a finais do 2026.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade precisou que o Novo Montecelo suporá un antes e un despois na atención sanitaria que se lle presta ás máis de 300.000 persoas que engloba a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Así, ademais de centralizar as urxencias, as unidades de coidados intensivos e as especialidades sanitarias; o novo centro hospitalario ampliará en máis dun cento o seu número de camas.
Do mesmo xeito, o Novo Montecelo permitirá contar con novos servizos de Radioterapia e Medicina nuclear, unhas melloras que evitarán o desprazamento de máis de 500 pacientes cada ano ata Vigo, dado que poderán recibir os seus tratamentos no hospital de Pontevedra.
Gómez Caamaño tamén destacou que o compromiso da Xunta coa sanidade pontevedresa posibilitará que esta área conte por primeira vez cunha UCI pediátrica e mellorar os coidados da saúde mental infanto-xuvenil, coa posta en marcha dun hospital de día na cidade de Lérez.