Román Rodríguez sitúa a Galicia como un referente polo seu traballo a prol da convivencia nas aulas

Participa na entrega de premios estatais do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar, que este ano se celebran no Colexio CPI O Toural de Vilaboa, un dos centros recoñecidos

A profesora Edelmira Parga, do Instituto IES Perdouro de Burela, tamén é unha das galardoadas neste proxecto

A Xunta de Galicia reforza esta área con distintas propostas e medidas a través da Estratexia de Convivencia e do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso

Vilaboa (Pontevedra), 6 de xuño de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega de premios estatais do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e a súa contorna, concedidos polo Ministerio de Interior e que este ano se celebran no Centro Público Integrado CPI do Toural de Vilaboa, un dos colexios premiados nesta edición, xunto coa profesora Edelmira Parga, do Instituto IES Perdouro de Burela.

O representante da Xunta de Galicia aproveitou para felicitar aos dous centros galegos galardoados. Á mestra Edelmira Parga polo seu traballo a prol da convivencia nas aulas e, en especial, “a prol da integración dun colectivo moi particular, o do alumnado de Cabo Verde”, mentres que ao CPI do Toural pola “súa gran implicación na curtametraxe sobre o acoso que puidemos ver neste acto e na organización de charlas con policías nacionais e gardas civís”, facendo destes dous centros galardoados un referente da integración, da pluralidade, da universalidade e do esforzo por abrir a educación a todo o mundo.

O Plan Director é un proxecto desenvolvido en toda España que busca sensibilizar, previr e detectar as situacións de risco entre o alumnado, así como mellorar o coñecemento sobre os recursos policiais para contribuír á súa seguridade. O proxecto, que se realiza de maneira coordinada cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e coas autoridades educativas a través diversas actividades, ten como obxectivo formar ao alumando no respecto aos dereitos e liberdades, ademais de favorecer o incremento da vixilancia policial nas inmediacións dos centros.

No acto de hoxe entregáronse unha trintena de premios a centros educativos e equipos docentes de toda España, así como a Gardas Civís e Policías Nacionais, servindo como “recoñecemento ao traballo feito a prol da convivencia, un deber social e colectivo de todos”, asegurou o conselleiro. “Temos un gran labor no que a educación non pode quedar ao marxe, pois a convivencia é unha das claves do éxito educativo e o que sementemos hoxe nas aulas, imos recollelo mañá na sociedade. Administracións e sociedade debemos identificar e corrixir aquelas conductas que van contra a convivencia das persoas”, salientou.

Convivencia nas aulas

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, consciente da importancia de fomentar un espazo san nas aulas, conta con diversos programas para facer fronte aos distintos retos a través da Estratexia galega de convivencia escolar 2025. “Esta área é unha das principais necesidades ás que responder na educación tanto no presente como no futuro”, destacou Román Rodríguez, quen recordou que en Galicia “desenvolvemos numerosas iniciativas encamiñadas a combater a desigualdade, a exclusión ou os problemas de convivencia grazas ao traballo conxunto de toda a comunidade educativa”, algo que se reflexa en bos resultados como é o caso da prohibición do uso do móbiles nas aulas, onde “os datos amosan que mellorou a convivencia e a interacción entre o alumnado, así como a redución do ciberacoso”.

A Estratexia galega de convivencia escolar 2025 é a folla de ruta da Xunta enfocada a afianzar un bo clima nas aulas e a consolidar un modelo de convivencia inclusiva, equitativa e de calidade, do que forma parte o Plan Integral contra o acoso e ciberacoso. Este plan fundaméntase na prevención, na detección precoz e na acción coordinada de todos os axentes implicados para garantir que os centros educativos son espazos seguros e de confianza. Así mesmo, a Consellería promove a convivencia nas aulas a través de guías de uso responsable en redes, coa creación dunha identidade dixital segura ou ofertando competencias para a xestión informativa.

Ademais, o Goberno galego traballa na promoción da igualdade entre homes e mulleres, na inclusión e na non discriminación. Unha serie de medidas que se reflexan en recoñecementos como “o que hoxe lle facemos ao CPI do Toural e a profesora Edelmira Parga, os que constitúen un exemplo para toda Galicia polos fitos logrados no campo da convivencia”, concluíu o titular de Educación.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024