A Xunta impulsa unha política de innovación europea baseada na colaboración interrexional a través da ‘Vanguard initiative’

A directora da Axencia Galega de Innovación participa na reunión de directores de alto nivel desta Iniciativa, unha alianza de 38 rexións europeas interesadas en estimular a innovación a través da colaboración interrexional

Pola tarde, Carmen Cotelo reúnese coa directora da Rede de Investigación e Innovación das Rexións Europeas (ERRIN) para establecer colaboracións máis estreitas con outras rexións europeas

Bruxelas (Bélxica), 6 de xuño de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, participou esta mañá en Namur (Bélxica) na reunión de directores de alto nivel da Vanguard Initiative, unha alianza formada por 38 rexións europeas, da que Galicia forma parte dende 2015, que ten como obxectivo estimular o crecemento europeo baseado na innovación a través da colaboración interrexional e a especialización intelixente.

No marco da xuntanza, presentouse un informe sobre a posición desta Iniciativa ao respecto da orientación das novas políticas europeas de innovación. A proposta reclama unha política de innovación europea baseada en aproximacións colaborativas e nos principios da especialización intelixente. Así mesmo, presentáronse boas prácticas a nivel rexional sobre como organizar e mobilizar intermediarios e entidades claves, incluídas as pemes, para maximizar o impacto da Iniciativa.

Pola tarde, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reúnese en Bruxelas con representantes da Rede de Investigación e Innovación das Rexións Europeas (ERRIN nas súas siglas en inglés), da que Galicia forma parte xunto a outras preto de 120 rexións de 20 países europeos. O obxectivo do encontro é intentar establecer colaboracións máis estreitas con outras rexións europeas en eidos estratéxicos para Galicia. ERRIN apoia aos seus membros na mellora das súas capacidades rexionais e locais de innovación e investigación e no desenvolvemento dos seus ecosistemas de I+D+i.

No marco desta viaxe a Bruxelas Carmen Cotelo mantivo onte tamén varias reunións de traballo con representantes da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea e do Consello Europeo de Investigación para coñecer as oportunidades que ofrecen as novas iniciativas e fondos europeos ao ecosistema galego de I+D+i e posicionar a Galicia como un referente en distintos ámbitos como a biotecnoloxía, deep tech ou os programas de captación e retención de talento como Oportunius. Así mesmo, reuniuse con Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, coa que a axencia colabora en políticas e programas europeos de I+D+i.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024