A Xunta destaca o carácter estratéxico do cumprimento normativo para evitar riscos reputacionales nunha organización

O director xeral de Xustiza participou no V Congreso Galego de Compliance organizado pola Asociación Galega de Compliance e o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña co apoio do Goberno galego

A Coruña, 6 de xuño de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na apertura do V Congreso Galego de Compliance, onde destacou o carácter estratéxico do cumprimento normativo para evitar riscos reputacionais nunha organización. Tronchoni referiuse tamén á importancia de xerar confianza organizacional a través de medidas como o establecemento de canles internas de denuncia, un dos temas incluídos no programa deste encontro promovido pola Asociación Galega de Compliance e o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña co apoio da Xunta.

Segundo apuntou o director xeral, os procedementos adoptados polas organizacións para identificar e clasificar os riscos operativos e legais “pasaron de ser unha opción voluntaria a integrarse na estratexia e estrutura interna para garantir o cumprimento da normativa e protexerse ante situacións de risco”. Nesta liña, sinalou o coñecemento como a mellor vía para mellorar a xestión e dispoñer de bos profesionais co obxectivo de ofrecer un servizo de calidade.

José Tronchoni salientou o apoio da Xunta ás accións formativas e, especialmente, o esforzo do Goberno galego para adaptar a xustiza á constante actualización da normativa, os continuos avances tecnolóxicos e as peculiaridades de cada territorio, apostando pola modernización, a dixitalización e a axilidade. Estes obxectivos plásmanse no Plan de infraestruturas xudiciais, dotado con máis de 125 millóns de euros, na creación de novas xudiciais e no Plan Senda, de dixitalización, que conta cun orzamento de 43 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2024