Miranda reúnese co cónsul de España en São Paulo para reforzar o apoio ás comunidades galegas no exterior

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse hoxe co cónsul de España en São Paulo, Pablo Montesino-Espartero Velasco, co obxectivo de "afondar na necesaria coordinación entre as administracións española e galega". Durante a reunión, abordouse a situación actual do país e da colectividade española, e máis concretamente a galega, que reside nel.

Esta xuntanza permitiu explorar novas vías de colaboración para mellorar os servizos e o apoio que se ofrece á diáspora galega en Brasil, así como compartir información relevante sobre proxectos en curso e futuros que poidan beneficiar á comunidade galega. Antonio Rodríguez Miranda destacou a importancia desta cooperación institucional para "garantir que os galegos residentes en Brasil reciban a atención e o apoio que precisan".

Este encontro enmárcase dentro das accións que a Secretaría Xeral da Emigración está a levar a cabo para reforzar a presenza e o apoio ás comunidades galegas no exterior, reafirmando o compromiso do Goberno galego co benestar dos seus cidadáns en todo o mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024