A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou nunha xornada de convivencia con persoal dos parques naturais galegos con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente

Ángeles Vázquez pon en valor o esforzo do persoal da Xunta para preservar a riqueza ambiental dos espazos naturais protexidos da comunidade

Incide no papel fundamental que ten a biodiversidade á hora de mellorar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático

Lembra o traballo que vén realizando o Goberno galego de cara a garantir a conservación do noso patrimonio natural e facer compatible esa preservación cun uso público sostible 

Salienta que o número de visitantes ao Parque Natural de Corrubedo se incrementou nun 13,5% en 2023 con respecto ao ano anterior 

Ribeira (A Coruña), 5 de xuño de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o esforzo do persoal da Xunta de Galicia para “protexer, preservar e impulsar” a riqueza ambiental dos espazos naturais protexidos da Comunidade.

Durante a súa visita ao Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, onde participou nunha xornada de convivencia con persoal dos parques naturais galegos, a conselleira salientou que o traballo e dedicación dos axentes, vixiantes e profesionais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático “no coidado do noso patrimonio natural” e subliñou a importancia de celebrar encontros deste tipo nos que “intercambiar experiencias e coñecementos”.

Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu no papel fundamental que ten a biodiversidade á hora de mellorar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático. De feito, este ano, o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra hoxe, 5 de xuño, céntrase na restauración das terras e na resiliencia fronte á seca e á desertificación baixo o lema As nosas terras. O noso futuro. Somos a #XeraciónRestauración.

Nesa liña, a representante autonómica lembrou o traballo que vén realizando o Goberno galego de cara a garantir a conservación da nosa biodiversidade e facer compatible esa preservación cun uso público sostible. 

Territorio protexido

Cómpre lembrar que o 42% do territorio galego está amparado por algunha figura de protección e tanto o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como os seis parques naturais máis cos que conta a Comunidade -Fragas do Eume, O Invernadeiro, Baixa Limia-Serra do Xurés, Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia e Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán- contan cun plan de uso e xestión propio adaptado ás súas características e necesidades. Estes sete espazos protexidos, repartidos por 19 concellos, acadan unha superficie total de preto de 58.000 hectáreas nas que hai máis de 400 quilómetros de rutas que se poden percorrer a pé ou en bicicleta.

A maiores, Galicia conta con sete reservas da biosfera, oito monumentos naturais, seis humidais protexidos, dúas paisaxes protexidas, 59 zonas de especial protección (ZEC), 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA), 12 espazos naturais de interese local (ENIL), dous espazos privados de interese natural (EPIN) e dous xeoparques mundiais.

Ademais, a conselleira subliñou que o 12% da superficie galega -355.000 hectáreas- está incluída na Rede Natura 2000, o que sitúa á Comunidade na media das rexións atlánticas, que está entre o 10% e o 15%.

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

Máis polo miúdo, logo de salientar que o número de visitantes ao Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán se incrementou nun 13,5% en 2023 con respecto ao ano anterior,  Ángeles Vázquez puxo o traballo levado a cabo neste espazo protexido como exemplo de proxectos que están obtendo bos resultados no obxectivo de conservar a riqueza ambiental destas contornas.

Salientou, entre outras actuacións, a reintrodución da Iberdores Litoralis, unha especie incluída no Catálogo galego de especies ameazadas que, grazas á colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, volver estar presente neste espazo natural e, de feito, esta planta xa vexeta de forma natural a través de sementes que medraron no propio hábitat e non a partir das reintroducidas.

E, ademais de continuar coas actuacións de control e erradicación de especies arbóreas que alteraban o hábitat propio do sistema dunar, desde o ano 2021 trabállase no cartografado da duna gris de Corrubedo para coñecer a súa evolución real co paso do tempo. A través deste proxecto, que inclúe o uso de drons, logrouse deseñar un xemelgo dixital deste espazo que axudará a coñecer futuras evolucións do conxunto grazas aos levantamentos topográficos que se vaian realizando.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024