Alfonso Villares sinala como imprescindibles as iniciativas dirixidas a promocionar os produtos do mar para revitalizar o seu consumo

O responsable autonómico destaca que esta acción reforza outras desenvolvidas pola Xunta como GALICIA SABE AMAR ou AMAR GALICIA que poñen o foco na calidade da materia prima e na profesionalidade e saber facer da xente do mar

Tamén reclamou a implicación doutras administracións na tarefa de impulsar o consumo deste tipo de alimentos, con importantes beneficios para a saúde e volveu a demandar ao Goberno central a rebaixa do IVE do peixe, mariscos e conservas

A Asociación Galega de Empresas Depuradoras de Moluscos (Agade) da continuidade a unha campaña posta en marcha a principios de ano que percorrerá todo o territorio galego con actividades como showcookings e catas de produto

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, situou como esenciais as campañas de promoción dos produtos do mar como as mellores ferramentas para reverter o descenso do seu consumo entre a cidadanía. Así o expuxo na presentación da campaña Consume do noso, impulsada por Agade co apoio de Galicia Calidade, celebrada no Mercado de Abastos da capital galega. Esta acción ven a dar continuidade a iniciativa posta en marcha por esta mesma entidade e as confrarías galegas a comezos de ano para poñer en valor a excelencia dos produtos do mar galegos e a importancia de que teñan un papel destacado na cesta da compra dos consumidores polos seus importantes beneficios para a saúde.

O responsable autonómico destacou que esta iniciativa reforza o traballo desenvolvido por parte do Goberno galego con campañas como GALICIA SABE AMAR ou AMAR GALICIA que poñen o foco na calidade e sabor do peixe e mariscos galegos así como do bo facer dos profesionais do mar, auténticos artífices de que chegue a mellor materia prima aos nosos pratos. Nesta liña, recordou o impacto positivo de ambas campañas ao longo de todo o territorio galego mediante a celebración de foros gastronómicos e foodtrucks que amosaban a variedade, riqueza e posibilidades culinarias que hai detrás deste tipo de alimentos.

Por outra banda, Alfonso Villares reclamou a implicación doutras administracións en apoio do sector e no impulso de máis accións de promoción, especialmente no contexto actual de descenso do consumo do ao redor do 25%. Por iso destacou a importancia de estimular a presenza dos produtos do mar na dieta da cidadanía, tanto polos seus efectos económicos positivos nun sector estratéxico para a comunidade, como sobre todo polo seu efecto positivo na saúde a través da súas múltiples propiedades nutricionais. Tamén reiterou a reclamación da rebaixa do IVE do peixe, mariscos e conservas como outra medida que permitiría, como así o sinalan diversos estudos, relanzar o consumo e xerar máis emprego vinculado a actividade da cadea mar-industria. Recordou que se trata dunha decisión que si foi levada a cabo con outros alimentos e que supón unha discriminación e desvantaxe competitiva para os produtos pesqueiros.

Referentes

Son 45 empresas as que forman parte de Agade que representan unha facturación anual de máis de 300 millóns de euros e que superan os 1.000 empregos directos.  Unhas cifras que sitúan a esta entidade asociativa empresarial como referente nacional na defensa dos intereses da cadea de valor vencellada á depuración e comercialización dos produtos do marisqueo e a acuicultura. Nesta liña, a organización, presidida por Roberto Fariña, prevé levar esta campaña por todo o territorio galego con actividades como showcookings e catas coa finalidade de situar os alimentos mariños galego no lugar de prestixio e recoñecemento que merecen.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 05/06/2024