Os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e FP visitan a zona arqueolóxica acompañados polo delegado territorial en Pontevedra

A Xunta pon en marcha os traballos para dotar a Adro Vello dunha aula interpretativa

O espazo estará situado ao carón da igrexa de San Vicente do Grove e contará con diferentes paneis, información textual e gráfica e unha maqueta do xacemento

Esta nova intervención, dotada con 17.500€, dá continuidade aos traballos impulsados polo Goberno nos últimos anos coa colaboración da Universidade de Vigo

O Grove (Pontevedra), 5 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha os traballos para dotar a zona arqueolóxica de Adro Vello, no concello do Grove, dunha aula interpretativa. Así o anunciaron hoxe os conselleiros de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita a este xacemento na que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Na súa visita, os representantes do Goberno galego puideron comprobar de primeira man o estado actual deste espazo, tras as actuacións postas en marcha nos últimos anos coa colaboración da Universidade de Vigo e que supuxeron, no seu conxunto, un investimento superior aos 250.000€.

Neste senso, o titular de Cultura da Xunta, José López Campos, destacou os “valores arqueolóxicos, históricos, paisaxísticos e socioculturais” que reúne a zona e que conlevan, dixo, a “necesidade de contar cunha aula de interpretación para poñer en valor e achegar á cidadanía un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros de Galicia”.

Tal e como explicou, este novo espazo pensado para facilitar a compresión dos restos conservados no lugar estará situado ao carón da igrexa de San Vicente do Grove, a tan só 500 metros do xacemento. Trátase dun inmoble de aproximadamente 50 metros cadrados que contará con diferentes paneis, información textual e gráfica que dará servizo aos visitantes.

Concretamente, os traballos que se poñen agora en marcha cun investimento de 17.500€ abranguen o proxecto museográfico coas liñas a seguir para converter o espazo en aula interpretativa, así como o deseño de materiais e a elaboración do contido explicativo. Ademais, o edificio contará cunha maqueta do xacemento e unha réplica da moeda exhumada durante as escavacións arqueolóxicas coa representación máis antiga coñecida do relato da translación marítima do Apóstolo Santiago.

Actuacións realizadas en Adro Vello

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia mantén un firme compromiso coa zona arqueolóxica de Adro Vello, como así se reflicte no impulso da súa declaración como Ben de Interese Cultural ou nas actuacións levadas a cabo nos últimos anos en colaboración coa Universidade de Vigo para poñer en valor e consolidar este enclave situado no bordo da praia do Carreiro.

Trátase dunhas actuacións que permitiron ampliar o coñecemento sobre este espazo e sacar á luz restos como cerámica, unha moeda ou un coitelo cun mango feito de oso que poñen de manifesto a importancia histórica e cultural deste espazo único en Galicia que resulta clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés.

Restos de época romana e altomedieval

O xacemento de Adro Vello presenta restos de época romana e altomedieval de grande interese científico e cultural, que inclúen desde unha factoría romana de salga e unha vila romana, ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería.

Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento, dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con presenza de pezas ornamentais anteriores de feitura visigoda. Tamén se documentaron restos dun conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.

Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024