A Xunta sinala os valores policiais como garantes da seguridade e do benestar da cidadanía

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes presidiu a entrega de distintivos de permanencia a 52 policías locais e de tres medallas ao mérito a outros tantos axentes deste corpo

O Goberno galego distingue cada ano traxectorias e actos de especial relevancia de membros da Policía Local para homenaxear e darlle visibilidade ao seu labor

A Estrada (Pontevedra), 6 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, presidiu hoxe a entrega de medallas da Policía Local desenvolvida na Academia Galega de Seguridade Pública, onde salientou os valores policiais como “garantes da seguridade e do benestar da veciñanza dos 127 concellos que contan con este corpo”. No evento homenaxeáronse 52 axentes que recibiron os distintivos de permanencia ao cumprir 25 anos de servizo e tres policías locais condecorados coas medallas ao mérito por actos de especial relevancia no exercicio do seu labor.  

Na súa intervención, Diego Calvo referiuse á vocación de servizo público, ao compromiso, á valentía, ao sacrificio e ao compañeirismo como valores propios que caracterizan os corpos e forzas de seguridade, aos que se engade, no caso dos axentes locais, a proximidade e a maior capacidade de empatía coa súa contorna.

Para o conselleiro, o labor exemplar realizado polos axentes distinguidos tanto pola súa traxectoria como por actos de especial relevancia convérteos ademais en referentes para as novas promocións de policías locais, como a que se está a formar na actualidade na Agasp, cun cento de alumnos que conformarán a 16ª promoción.

O acto, que contou coa participación dos directores xerais de Emerxencia e Interior, Santiago Villanueva, e de Administración Local, Natalia Prieto, así como do comisario da Policía Autonómica, Jorge Rubal, recoñece, por unha banda, “a consolidación do compromiso coa seguridade cidadá” dos axentes máis veteranos e, por outra, “a heroicidade” de Pedro Abal, Santiago de la Fuente e Julio Castro, segundo sinalou Diego Calvo.

Pedro Abal, policía local na Estrada, defendeu dúas persoas que estaban sendo atacadas por un can de raza potencialmente perigosa na rúa, mentres que Santiago de la Fuente e Julio Castro, axentes en Marín, detiveron o presunto autor da morte violenta dunha muller. A entrega de medallas busca así recoñecer e darlle visibilidade ao traballo policial, ademais de servir como homenaxe ao conxunto do corpo de Policía Local de Galicia.

O conselleiro destacou tamén o forte vínculo da Academia Galega de Seguridade Pública co corpo de Policía Local, xa que neste centro realizan a súa formación inicial de acceso ao corpo e, ao longo de toda a traxectoria profesional, continuos cursos e actividades de actualización de coñecementos teóricos e prácticos.

Cooperación cos concellos

De feito, a Xunta coopera desde 2017 cos concellos galegos na selección dos membros dos corpos de policía local, a través dun convenio de colaboración. Na actualidade, 92 concellos teñen acordos vixentes para delegar no Goberno galego, a través da Agasp, a selección e formación dos membros do seu cadro de persoal de policía local mediante as convocatorias de procesos selectivos. Supón máis do 72% dos 127 municipios con corpo de policía local.

As oposicións convocadas no período 2018-2023 permitiron cubrir máis de 1.400 prazas en distintos municipios: 726 de auxiliares de policía local, 607 da categoría de policía, 57 de oficial, 15 de inspector, 2 de inspector principal, e 2 de vixiantes.

A Agasp é o centro de referencia na formación das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos, así como doutras forzas e corpos de seguridade en Galicia e dos servizos de emerxencias, con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024