O presidente do Goberno autonómico visitou as inmediacións coincidindo co inicio do trámite de información pública do treito entre A Pobra de San Xiao e Nadela

Rueda reafirma o compromiso da Xunta coa vertebración interior de Galicia co avance na tramitación da nova autovía Lugo-Sarria

O segundo e último treito que se ampliará do corredor Nadela-Sarria, de 13,5 km, beneficiará a preto de 100.000 usuarios, sen ter en conta aos transportistas

Salienta que permitirá conectar “o sur da provincia de Lugo coa capital e con outras vías de alta capacidade” 

A día de hoxe máis do 80% da poboación de Galicia atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións

O Páramo (Lugo), 5 de xuño 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa vertebración interior de Galicia e coa mellora das infraestruturas e da mobilidade na comunidade. Así o manifestou coincidindo co inicio do trámite de información pública e avaliación ambiental do segundo e último tramo da nova autovía AG-22 (Nadela-Sarria), o comprendido entre A Pobra de San Xiao e Nadela, o cal suporá un investimento de 35 M€. 

O mandatario galego visitou hoxe a contorna dos 13,5 quilómetros que unirán ambos lugares, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue. Na súa intervención, o presidente da Xunta resaltou as vantaxes que suporá este treito grazas ao desdobramento do corredor Nadela-Sarria ao seu paso polos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo. “O sur da provincia de Lugo vai quedar conectado coa súa capital e a partir de aí con outras vías de alta capacidade”, resaltou.

Este novo paso para converter esta estrada nunha vía de alta capacidade permitirá acurtar o tempo de viaxe e adiantar sen risco, debido a que contará con dúas calzadas con dous carrís cada unha. Neste sentido, espérase que arredor de 100.000 usuarios se beneficien deste viario que estará limitado a 120 km/h, ademais dos transportistas que a utilicen para as súas viaxes de traballo.

Unha vez se complete a totalidade do itinerario os tráficos entre Ourense e Lugo, así como os das comarcas de Valdeorras e Ribeira Sacra coa capital de provincia reducirán os seus tempos e mellorarán a seguridade viaria, ao mesmo tempo que tamén se permitirán intercambios en tempos reducidos entre os Camiños Primitivo, Francés e de Inverno.

Tal e como explicou o presidente, a previsión é “rematar o 2025 coas obras licitadas e se é posible” tamén adxudicadas para poder comezalas en 2026.

Galicia cumpre

O avance na conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria forma parte do compromiso adquirido coa veciñanza da comarca e tamén dos establecidos para os 100 primeiros días de goberno da Xunta. Con este novo paso dáse continuidade ao primeiro treito comprendido Nadela e Sarria Centro que leva operativo dende finais de novembro do 2022 e que supuxo “unha mellora” na mobilidade da zona. 

A aposta do Goberno galego polas infraestruturas viarias é firme; de feito, nos últimos anos incrementouse en máis dun 70% a extensión da rede de vías de alta capacidade de titularidade autonómica, coa posta en marcha de 50 novos quilómetros sen peaxe só na provincia de Lugo. Así, a día de hoxe máis do 80% da poboación galega atópase a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2024