A Xunta impulsa con preto de 5,6 M€ tres novos centros de fabricación avanzada para a modernización das pemes galegas e a mellora da súa competitividade

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución dunha convocatoria que activa novos proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido que permite ás pequenas e medianas empresas acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades

Os proxectos facilitarán a posta en marcha dun centro de produción audiovisual avanzada, outro de desenvolvemento e certificación de tecnoloxías satelitais, e dun centro de servizos avanzados de datos na Cidade das TIC

Ata o de agora tíñanse activado xa en Galicia outros centros de fabricación avanzada en sectores industriais diversos como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo o agroalimentario ou a saúde e deporte

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución da última convocatoria do programa de Centros de Fabricación Avanzada, que ten por obxecto impulsar a posta en marcha de proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido que teñen como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas, especialmente as pemes, e os consumidores, e a modernización e desenvolvemento da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade.

Desta volta, a Xunta de Galicia destina preto de 5,6M€ á posta en marcha de tres novos centros de fabricación avanzada, que permitirán promover a presenza de infraestruturas axeitadas na procura da modernización e a mellora competitiva das pemes galegas. Estas infraestruturas, abertas a pequenas e medianas empresas e autónomos, supoñen unha oportunidade para contar con servizos aos que non poden ter acceso de xeito habitual. Nomeadamente, a produtos e sistemas avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades.

Os novos proxectos facilitarán a posta en marcha dun centro de produción audiovisual avanzada, doutro de desenvolvemento e certificación de tecnoloxías satelitais, e un centro de servizos avanzados de datos que se localizará na Cidade das TIC. Precisamente esta última infraestrutura é un dos centros de fabricación avanzada que se activaron en Galicia con motivo da primeira convocatoria deste programa. Xunto a esta iniciativa, está tamén en marcha o centro de fabricación avanzada do Tambre, que busca prover ao sector biotecnolóxico de laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común; o Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, en Narón, para  facilitar a realización de traballos que teñan como base o aceiro, como poden ser os buques; o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC, en Vilagarcía de Arousa, que fomenta a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica na cadea de valor da industria turística galega; e planta piloto de Inleit en Curtis, para a síntese de proteínas e subprodutos lácteos de alta calidade, que se complementa cun centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido en Caldas de Reis.

Consulta previa

Cómpre salientar que con anterioridade, e de cara a coñecer a demanda que teñen este tipo de espazos industriais compartidos, fíxose unha consulta entre o tecido produtivo galego na que se invitaba aos axentes económicos para que manifestasen o seu interese en acceder a unha liña de axudas para a posta en marcha de infraestruturas abertas de apoio á industria.

Esta consulta permitiu coñecer a demanda de axudas, favorecendo a concertación de proxectos con tempo suficiente e facilitando o establecemento das bases de axuda cos interesados.

Neste contexto, considerouse importante apoiar tamén as iniciativas promovidas por grandes empresas que facilitarán a capacidade financeira e de xestión solvente das infraestruturas, permitindo ao tecido empresarial apoiarse na capacidade tractora destas grandes firmas.

Data de actualización: 05/06/2024