A Xunta avoga pola dixitalización e a ecoinnovación de produtos forestais para gañar en competitividade

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, participou na clausura da xornada Dixitalización e sostibilidade no aproveitamento da biomasa

Lugo, 4 de xuño de 2024

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, avogou hoxe pola dixitalización e a ecoinnovación de produtos forestais para que as empresas da industria forestal galega gañen en competitividade.

Jacobo Aboal participou na clausura da xornada Dixitalización e sostibilidade no aproveitamento da biomasa organizada polo Clúster de Biomasa de Galicia e Universidade de Santiago de Compostela (USC) onde puxo en valor a liña de axudas convocada pola Xunta cun importe de 4M€ para a transición dixital das pequenas e medianas empresas ligadas á cadea monte industria en Galicia.

Trátase dunha liña de achegas que contribuirán á consolidación das pemes que conforman este sector, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental. Ademais, está enmarcada na Axenda de impulso forestal-madeira, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector para potencialo e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Por outra banda, o director fixo alusión a algunhas das ferramentas que a Xunta de Galicia ten a disposición do sector forestal de Galicia para mellorar a súa competitividade En concreto, destacou a ferramenta gratuíta que permite etiquetar a trazabilidade dos produtos da madeira mediante o uso da tecnoloxía Blockchain (FORTRA). O seu obxectivo é actuar como unha ferramenta de mercado, de carácter comercial, que permita ao sector diferenciar o seu produto e mellorar o seu posicionamento nos mercados nacional e internacional.

Jacobo Aboal fixo referencia tamén ao Inventario Forestal Continuo de Galicia que ten o obxectivo de dispoñer dun valor actualizado e preciso do volume de biomasa nos bosques de Galicia e que permite ter unha fotografía en detalle do estado e evolución das masas forestais de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024