A Xunta de Galicia acometerá a rehabilitación integral do CEIP Barrié da Maza de Santa Comba

O proxecto, que xa está en redacción, contará cun orzamento de 1,5 millóns de euros tal e como informou hoxe a Consellería de Educación no Parlamento

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia acometerá a rehabilitación integral do Colexio CEIP Plurilingüe Barrié da Maza de Santa Comba, que contará cun orzamento de arredor de 1,5M€. Así o avanzou hoxe o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, en resposta a unha pregunta na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia.

“Este proxecto xa foi encargado a pasada lexislatura e agora reafirmamos o noso compromiso de rehabilitar este centro educativo”, indicou o representante da Consellería. “O proxecto xa está en redacción e, se todo vai segundo o que temos previsto, esperamos ter este verán o proxecto para despois aprobalo e licitalo canto antes e, así, poder estar no verán do ano que vén traballando na obra, que terá unha duración aproximada de nove meses”, engadiu. A actuación consistirá na substitución da cuberta, no illamento térmico, na renovación de toda a carpintería exterior e na interior en función do seu estado e no cambio de luminarias, entre outras.

Con esta obra, a Consellería de Educación garantirá que o CEIP Barrié da Maza conte cunhas instalacións modernas e adaptadas ás novas necesidades educativas. “Esta actuación súmase ao traballo xa feito en Santa Comba, onde xa investimos máis de 324.000 euros”, insistiu o secretario xera técnico sobre os centros educativos do concello. No caso do CEIP Pepe Xan de Baña, o colexio “conta coas infraestruturas necesarias para prestar un servizo educativo baixo os máximos estándares de calidade”, engadiu.

Un traballo de todas as administracións

Durante a súa intervención no Parlamento, Manuel Vila quixo recordar que todas as administracións públicas teñen competencias nos centros educativos, sendo “un traballo de todos, onde o Concello e o Ministerio deben asumir as súas responsabilidades”.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia traballa desde fai anos na renovación das infraestruturas educativas. “O Goberno galego continuará actuando en función das necesidades dos centros, tendo en conta que en Galicia hai máis de 1.600 edificios cunha antigüidade media de 40 anos”, sinalou o secretario xeral técnico.

Así mesmo, desde o ano 2021 a Consellería de Educación actúa nos espazos educativos a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co que se están a investir 300M€ e baixo o que xa se realizaron máis de 1.300 obras de distinta envergadura. “Continuaremos planificando as actuacións de xeito progresivo co obxectivo de ofrecer un servizo educativo de calidade en todos os centros”, concluíu Manuel Vila.

Data de actualización: 04/06/2024