O presidente do Goberno autonómico visita o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia

Rueda destaca o apoio da Xunta a automoción con 18 M€ para axudar ás empresas auxiliares no proceso de transformación do sector

Asegura que Galicia seguirá sendo un referente na automoción grazas a “excelencia, preparación e asentamento no territorio” do sector

A Xunta ultima o plan director deste eido, a folla de ruta que fixe as medidas e medios necesarios para afrontar os retos do futuro máis inmediato

Esta medida se inclúe entre os compromisos dos primeiros 100 días de Goberno

Resalta o labor do Centro Tecnolóxico da Automoción no que se “deseña, inventa e exporta” tecnoloxía para diferentes lugares

O Porriño (Pontevedra), 4 de xuño 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o apoio da Xunta á automoción galega cunha nova liña de axudas de 18 millóns de euros para axudar ás empresas auxiliares no proceso de transformación que atravesa o sector. 

Durante unha visita ao Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente fixo fincapé na revolución que está a vivir a automoción coa chegada do vehículo eléctrico e a aposta por unha mobilidade máis sustentable. Nesta liña, resaltou que a automoción galega conta “coa excelencia, a preparación e o asentamento no territorio” necesario para “superar” esta fase de transición.

A automoción é un sector fundamental para a economía galega ao representar máis do 13% do PIB e xerar 25.000 empregos. Entre as medidas que ten en marcha a Xunta para apoialo, Rueda resaltou a nova liña de axudas dirixida ás empresas auxiliares neste proceso de adaptación cara un modelo de produción de vehículos non contaminantes. 

Galicia cumpre

Ademais, a Xunta traballa no plan director da automoción, un documento que estivo aberto a consulta pública no portal de transparencia -para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións máis representativas- e que está a ser elaborado con todos os axentes da cadea de valor (sector privado, representantes dos traballadores, etc...). O borrador será presentado o vindeiro mes para a súa posterior tramitación, cumprindo co compromiso de poñer en marcha esta medida nos primeiros 100 días de Goberno. 

O plan director da automoción recollerá as medidas, mecanismos e medios necesarios para reforzar un sector no que Galicia xa é un referente, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, captar novos investimentos e incrementar o emprego.

Centro de referencia en innovación

Durante a visita ás instalacións do CTAG no Porriño, o presidente da Xunta salientou o papel deste centro á hora de situar a automoción galega coma un referente a nivel internacional. Rueda destacou o labor diario dos 1.200 empregados deste centro no que “se deseña, se inventa e se exporta” a moitos lugares do mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024