A conselleira Martínez Allegue chama a unir esforzos entre as administracións públicas e os actores privados para facilitar o acceso dos cidadáns á vivenda

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas coñeceu esta mañá a sede da Fundación Laboral da Construción, na rúa Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela

Trasladou ao colectivo da construción que a Xunta está traballando para reducir a burocracia nos trámites para construír vivenda, axilizando tamén o impulso das licenzas a través da ECCOM

A Xunta tamén segue avanzando en obras de conservación nas estradas autonómicas, así como na dotación de sendas para realizar desprazamentos a pé ou en bicicleta dun xeito máis seguro e sustentable

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, chama a unir esforzos entre as administracións públicas e os actores privados para facilitar o acceso dos cidadáns á vivenda.

Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo esta mañá un encontro coa Federación Galega da Construción e coñeceu a sede da Fundación Laboral da Construción, na rúa Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela.

Puxo en valor a vivenda como piar fundamental do estado de benestar e lembrou que o Goberno galego está a traballar neste ámbito prioritario para darlle resposta ás necesidades dos cidadáns.

Explicoulle ao colectivo da construción que a Xunta está traballando para reducir a burocracia nos trámites e que resulte máis áxil construír vivenda, axilizando o impulso das licenzas a través da ECCOM e incrementando o prezo dos módulos de vivenda protexida.

Trátase de incentivar aos promotores públicos e privados a construír inmobles que contribúan a reforzar o parque residencial na comunidade. Neste sentido, recordou o programa autorizado onte polo Consello da Xunta, dirixido á promoción da construción de vivendas destinadas ao alugueiro accesible en Galicia.

De xeito paralelo, sinalou que a Xunta segue avanzando na execución de novas vivendas de promoción pública e no desenvolvemento de solo residencial para vivendas protexidas.

No que se refire ás infraestruturas viarias, a conselleira indicou que continúan as intervencións no eido da mobilidade sostible, estendendo a rede de sendas para realizar desprazamentos, a pé ou en bicicleta, máis seguros e sustentables.

A Xunta tamén segue traballando en actuacións de conservación e mantemento das estradas autonómicas co fin de reforzar a seguridade viaria dos usuarios.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, subliñou que o sector se enfronta a unha serie de retos importantes como a sustentabilidade, a gobernanza e a innovación, pero afirmou que o carácter asociativo lles axudará a lograr estes obxectivos. Concluíu que  “somos un sector leal e colaborador”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024