A Xunta e o Clúster da Función Loxística de Galicia avanzan na colaboración para que a comunidade sexa referencia do transporte de mercadorías

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e representantes da entidade abordaron hoxe a elaboración este ano dun estudo de demanda ferroviaria  no marco da Estratexia Loxística de Galicia

O estudo adxudicado a Miebach Consulting por importe de 45.000 euros prevese iniciar neste mes de xuño 

O convenio entre o Goberno galego e o Clúster vixente ata 2025 supón un investimento de 140.000 euros e inclúe a divulgación desta estratexia e o impulso do Corredor Atlántico Noroeste

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo esta mañá unha reunión co presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Xoan Martínez, e do xerente da entidade, Iago Domínguez, co obxectivo de afondar a colaboración coa Xunta, que nos últimos anos se centra no impulso do Corredor Atlántico Noroeste, e contribuír a que Galicia sexa un polo de transporte de mercadorías de referencia global. Ao encontro tamén acudiu a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela. 

Na reunión de hoxe abordouse a elaboración dun estudo de demanda ferroviaria, unha das accións previstas en varios puntos da Estratexia Loxística de Galicia que a Xunta elaborou para fomentar o transporte ferroviario de mercadorías entre Galicia, o resto de España, Portugal e o conxunto da Unión Europea, a través do Corredor Atlántico. Este estudo de demanda prevese comezar xa neste mes de xuño por parte da empresa Miebach Consulting, adxudicataria do contrato por un importe de 45.000 euros e un prazo de execución de sete meses. 

O Clúster presta apoio na execución e divulgación da Estratexia Loxística de Galicia no marco do convenio vixente ata 2025 co Goberno galego e que supón un investimento autonómico de 140.000 euros co obxectivo de financiar a realización de actividades dirixidas ao impulso do Corredor Atlántico Noroeste. 

Deste xeito, co fin de cooperar na promoción dun transporte de mercadorías, intermodal, sostible e eficiente, únese a experiencia da Xunta coa asociación que agrupa os principais actores do almacenamento e o transporte en Galicia con preto de 50 entidades que supoñen unha facturación anual global superior aos 11.000 millóns de euros.

Axudas da Xunta ao transporte de mercadorías

Por outra parte, no marco do compromiso da Xunta ao transporte de mercadorías, Diego Calvo lembrou que ata o 30 de xuño continúa aberto o prazo para que as persoas autónomas e as pequenas e medianas empresas (pemes) do sector de transporte poidan solicitar as axudas dirixidas á modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías, á que o Goberno galego destinou máis de 6,2 millóns de euros. 

Desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes, o 29 de abril de 2023, ata finais de maio recibíronse 1.332 solicitudes, quedando crédito dispoñible na orde e co prazo de solicitudes aberto ata o 30 de xuño. Das peticións recibidas, máis do 52% corresponde a PEMES e case o 48% restante a persoas físicas. Xa se resolveron máis da metade das solicitudes presentadas: un total de 710 resolucións que supuxeron un orzamento de máis de 3,8 millóns de euros. As persoas beneficiarias recibirán un cheque moderniza, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. 

Os importes dos apoios oscilan dos 600 aos 12.000 euros, en función da categoría de solución de modernización solicitada, do número de empregados e do número de vehículos do destinatario último da axuda. 

Deste xeito, financiaranse para a implantación de sistemas de tacógrafo intelixente de segunda xeración, a xestión de documentos de control electrónicos, a integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión, a implantación de distintos sistemas, servizos de transporte de viaxeiros, a posta en marcha de aplicacións para reclamacións por medios electrónicos ou a mellora de sistemas de ticketing. As persoas destinatarias poderán elixir ata un máximo de 2 solucións de modernización de entre as establecidas como elixibles para o seu tamaño e tipo de actividade.

Esta iniciativa, impulsada pola Xunta, enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Toda a información sobre a convocatoria está dispoñible na web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024