Román Rodríguez aposta polo traballo colectivo e a igualdade de oportunidades no ensino para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible

O conselleiro de Educación participa na inauguración da IV edición do Congreso Educativo, EducODS 2030, organizado polo Colexio CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui

A iniciativa, que se prolongará ata o venres, busca facer reflexionar á comunidade educativa sobre “os retos e necesidades do presente e do futuro”

Tui (Pontevedra), 4 de xuño de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da IV edición do Congreso Educativo EducODS 2030, unha cita que organiza o Colexio CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui arredor dos obxectivos de desenvolvemento sostible da axenda 2030.

Este evento, que conta coa participación dunha vintena de centros educativos da provincia de Pontevedra e de dous de Valença do Minho (Portugal), é unha ”chamada á colaboración plural, ampla e diversa con obxectivos comúns que benefician a todos por igual”, afirmou Román Rodríguez durante a inauguración. “Encontros coma este, no que os equipos docentes e o alumnado son protagonistas, son clave para reflexionar sobre os retos e necesidades do presente e do futuro”, engadiu.

No que atinxe ao eido da educación, o representante da Xunta comprometeuse a seguir traballando para “ofrecer as mellores ferramentas e recursos posibles” para acadar a igualdade de oportunidades. “Isto supón universalizar a experiencia educativa de xeito que ningún alumno, independentemente da súa condición, quede sen recibir a formación necesaria para ser parte do desenvolvemento social”, subliñou o conselleiro, quen remarcou a importancia de ofrecer un modelo educativo que sitúe “a inclusión e a calidade da atención no centro da programación”, así como “entender que a diversidade é a nosa maior fortaleza”.

Esta cita, que se prolongará ata o 7 de xuño, conta cunha feira na que os centros educativos participantes comparten ao longo dos catro días as súas experiencias educativas e competencias sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible. Unha iniciativa que involucra á comunidade escolar e que, como dixo Román Rodríguez, “é responsabilidade de todos, pois todos debemos asumir os obxectivos de desenvolvemento sostible polo benestar colectivo de toda a mocidade”.

Centros participantes

Os centros educativos que participan nesta IV edición do Congreso Educativo, EducODS 2030 son os colexios CEIP Pazos de Reis (Pontevedra), CEIP Plurilingüe Nº2 (Tui), CEIP Coutada Beade (Vigo), CEIP Martínez Alonso (Pontevedra), CEIP Plurilingüe da Ribeira (O Porriño), CEIP Balaídos (Vigo), CEIP Pintor Antonio Fernández (Tomiño), CEIP Plurilingüe Nº1 (Tui), CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán (Tomiño), CPR Santa María – Maristas (Tui), CPR Plurilingüe Monterrey (Vigo), Seminario Menor de Tui, Centro de Educación Especial CEE de Panxón (Nigrán) e o Colexio Rural Agrupado CRA Mestra Clara Torres (Tui); os institutos IES San Paio (Tui), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e IES Valadares (Vigo); a Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual - Aceesca (Pontevedra) e a Escola da Banda de Música Popular de Tui.

Ademais, os participantes neste encontro poderán asistir hoxe a un contacontos sobre a igualdade, a unha mesa redonda sobre o camiño para facer de Tui unha vila accesible e ao concerto da Banda de Música Xuvenil de Tui.

Xa mañá, mércores, inaugurarase a xornada educativa inclusiva na que varios expertos exporán ante os asistentes os seus estudos e traballos. Betina Represas falará sobre o papel da comunicación para crear vínculos sans; José Ramón Lago e Carmen Vaz porán en común a súa visión sobre a aprendizaxe cooperativa como recurso para a inclusión, e Raúl Bermejo centrarase na importancia do desenvolvemento da creatividade na infancia.

O xoves, o alumnado dos centros educativos de Tui dará forma a un show científico, ademais de participar nunha mesa redonda coa mestra Sara Luque sobre claves para mellorar a xestión de residuos no concello. A xornada rematará co concerto do Coro de Pazos de Reis e, finalmente, o venres celebrarase un encontro de carrilanas e clausurarase esta edición do programa ao ritmo dunha batucada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024