Miranda e o cónsul xeral de España en Bos Aires traballan con normalidade para atender as necesidades dos galegos na Arxentina

Bos Aires (Arxentina), 3 de xuño de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, reuniuse co cónsul xeral de España en Bos Aires, Fernando García Casas, para seguir traballando con normalidade xuntos para atender as necesidades dos galegos e galegas na Arxentina. Miranda subliñou o compromiso continuo de Galicia co benestar dos seus cidadáns e cidadás residentes no exterior, explorando vías para mellorar a súa calidade de vida, garantir unha conexión máis forte coa súa terra natal e reforzar os lazos culturais, sociais e económicos entre Galicia e a súa diáspora na Arxentina.

Desde a Secretaría destacan a boa colaboración existente entre o Consulado Xeral de España en Bos Aires e a Secretaría Xeral da Emigración. Cada vez que desde Galicia se requiriu a intervención ou apoio do Consulado, responderon con eficacia e compromiso, facilitando unha comunicación fluída e efectiva. Esta sinerxía entre ambas entidades non só reflicte a fortaleza dos lazos institucionais, senón tamén subliña o espírito de cooperación mutua, esencial para atender eficientemente as necesidades da comunidade galega na Arxentina.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024