A Xunta renovou a cuberta da igrexa parroquial de Carballido, en Lugo, cun investimento de 115.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a intervención serviu para resolver o problema de filtración de humidades no templo, situado no Camiño Primitivo

Lugo, 3 de xuño de 2024.

A Xunta renovou a cuberta da igrexa parroquial de San Martiño de Carballido, no municipio de Lugo, grazas a un investimento de 115.140 euros da Axencia Turismo de Galicia.

O delegado territorial, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación e explicou que serviu para resolver o problema de filtración de humidades que supoñía un risco mesmo para a conservación dos elementos interiores. Ademais, procedeuse a unha mellora das paredes interiores e limpeza da fachada con medios non agresivos para eliminar a vexetación.

O templo está situado no Camiño Primitivo e rexistra unha importante afluencia de peregrinos durante todo o ano, especialmente en primavera e no verán. Neste sentido, Arias lembrou que a Xunta traballa para diversificar e promover todos os itinerarios xacobeos co propósito de repartir a peregrinación polas diferentes rutas no horizonte do Ano Santo 2027; “coa vista posta neste obxectivo, estamos a facer un importante labor de conservación do patrimonio cultural”, apuntou.

Un 23% máis de peregrinos

O delegado territorial destacou que o Camiño sigue batendo récords este ano e contabilizou o peregrino número 100.000 o 13 de maio, “antes que nunca, o que revela que está cada vez máis desestacionalizado”. No que respecta ao Camiño Primitivo, ata onte rexistrara un total de 6.075 peregrinos, un 23% máis que entre xaneiro e maio do pasado exercicio.

“En todo caso -concluíu-, o substancial non son as cifras, senón a experiencia que leva cada un dos peregrinos que cruza Galicia, e a elo contribúe en boa medida o estado dos recursos naturais e patrimoniais que vai atopando, e por suposto, das igrexas que vai visitando”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2024