A delegada territorial da Xunta e a xerente da área sanitaria de Ferrol manteñen unha primeira reunión de traballo

Ferrol, 3 de xuño de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a nova xerente da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente, reuníronse esta mañá na Xerencia da Área Sanitaria co obxectivo de manter unha primeira toma de contacto desde o recente nomeamento de ambas e abordar diferentes temas de interese sanitario dentro da área territorial.

Durante o encontro, no que tamén estivo presente a directora de Atención Primaria, Marina Pérez Tenreiro, ambas responsables avaliaron a evolución das obras da primeira fase do plan director do CHUF no que a Xunta de Galicia leva investidos 56,8 millóns de euros e fixeron un seguimento doutras actuacións de mellora nos centros de saúde da Área Sanitaria como as obras das novas salas de raios dos centros de Pontedeume e Ortigueira.

No encontro abordaron ademais proxectos comprometidos polo Goberno galego dentro do Plan de Infraestruturas como os novos centros de saúde para Ferrol, no barrio de San Xoán, e Cedeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024