O Plan Marco da Xunta deixou preto de 260.000 euros nas zonas rurais do Baixo Miño

O concello de Oia mellorou o camiño de Pedornes grazas a unha achega de máis de 52.000 euros do Plan Marco

O delegado territorial destacou a importancia de manter unha colaboración estreita cos concellos para coñecer as necesidades reais dos galegos e galegas e poñerlles solución

Oia (Pontevedra), 3 de xuño de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello da Oia, onde a Consellería do Medio Rural investiu máis de 52.000 euros na mellora do camiño de Perdornes, o 86% do total da obra, sendo que o restante foi asumido polo concello. Unha actuación enmarcada dentro do Plan Marco 2023-2024 que mellorará a accesibilidade e a seguridade dos veciños da zona.

Acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o delegado territorial aproveitou a visita para destacar o traballo levado a cabo pola Xunta en colaboración cos concellos para a mellora das súas vías e camiños, unha colaboración que considera “imprescindible para coñecer as necesidades reais e os retos das zonas máis rurais, o que nos permite buscar a solución máis adecuada”.

Cabe destacar que o Plan Marco 2023-2024 deixou na comarca do Baixo Miño preto de 260.000 euros repartidos por cinco concellos. Entre eles, ademais do concello de Oia, atópase A Guarda, que recibiu unha achega de case 40.000 euros para a renovación do pavimento do camiño de Salgueiro, en Camposancos. No caso do Rosal, a achega foi de preto de 44.000 euros e foi utilizada para mellorar o camiño do Outeiro en Tabagón. No concello de Tomiño este Plan Marco permitiu mellorar os camiños municipais na Ponteciña, grazas a unha achega de máis de 67.000 euros. Por último, en Tui a achega de 57.000 euros serviu para mellorar a capa de rodadura no lugar da Gandara-Guillarei.

Na provincia de Pontevedra, o importe total desta liña de axudas alcanza os 3,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024