A Xunta destina máis de 14,7 M€ ao fomento da construción de vivendas para destinalas a alugueiro accesible

Rueda salienta a convocatoria de dúas liñas de axudas para que “promotores públicos ou privados” impulsen “ata 350 inmobles”

A medida englóbase no compromiso de promover “a construción de 400 vivendas protexidas” nos primeiros 100 días de Goberno

Destaca unha nova orde de axudas para impulsar a construción ou rehabilitación de vivendas para destinar ao alugueiro polo menos durante 15 anos, dotada de 7,2 M€

Ademais, destínanse mais de 7,5 M€ á segunda convocatoria das axudas dirixidas a promotores de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, interxeneracionais ou similares de nova construción ou procedentes da rehabilitación

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace a destinar 14, 7 millóns de euros a incentivar “que promotores públicos e privados constrúan ou rehabiliten vivendas dirixidas ao alugueiro accesible”. A previsión, segundo destacou, é promover a construción “de ata 350 vivendas”.

Tal e como salientou o presidente do Executivo galego, esta medida enmárcase no compromiso de impulsar “a construción de 400 inmobles protexidos” nos “primeiros 100 días de Goberno” e no de “dobrar o parque residencial de vivenda pública” nesta lexislatura.

Para iso, o Executivo autonómico impulsa con fondos propios da Xunta a primeira convocatoria de axudas dunha nova modalidade de promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes de rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro. 

A estes incentivos, engádese o lanzamento na mesma convocatoria, da segunda edición da liña de axudas para a promoción de vivendas para alugueiro, aloxamentos temporais, e outras modalidades residenciais tipo covivenda (cohousing), vivendas interxeneracionais e modalidades similares de nova construción ou procedentes da rehabilitación.

Estes fondos canalizaranse a través dunha nova orde de axudas da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que publicará ese mes de xuño, tras recibir esta mañá o visto e prace do Consello da Xunta.

A convocatoria destes incentivos para este ano, de carácter plurianual, inclúe así dous programas diferenciados. 

Concretamente, a Xunta destinará un orzamento autonómico de 7.200.000 euros ao novo programa dirixido á promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación. O obxectivo, tal e como resaltou Rueda, é que estes inmobles se destinen a alugueiro “polo menos durante 15 anos”.

Ademais, na mesma convocatoria, a Xunta reserva 7.560.000 euros dos fondos do Plan de Vivenda 22-25 ás axudas á promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, 20 anos. 

Máis en concreto, para acollerse a calquera destas dúas modalidades de axudas impulsadas pola Xunta, as vivendas que se promovan deben cumprir como requisitos que estas sexan destinadas ao alugueiro accesible ou á cesión de uso polo prazo indicado, segundo a súa modalidade. 

Ademais, no suposto de que se trate de vivendas protexidas, con independencia da modalidade da que se trate, deberán destinarse ao alugueiro, conforme o establecido na súa cualificación.

As vivendas deberán tamén cumprir a normativa de habitabilidade de vivendas de Galicia.

Así mesmo, as vivendas situaranse en localidades que teñan inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida do Instituto Galego de Vivenda e Solo, cando menos, cinco unidades de convivencia por cada vivenda para a cal se solicita financiamento. 

As promocións de nova construción ou procedentes da rehabilitación de edificios que se acollan ás axudas deste programa deberán cumprir coas normativa de accesibilidade e ter unha cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable.

As axudas aprobadas hoxe polo Executivo autonómico poderán solicitarse para a totalidade das vivendas dunha mesma promoción ou para unha parte delas, ben que, en todo caso, será requisito necesario para obter a axuda que a promoción teña un mínimo de cinco vivendas que cumpran as condicións deste programa.

As obras deberán realizarse no prazo máximo de 36 meses desde a data de notificación da concesión da axuda. Non obstante, o citado prazo poderá estenderse a 38 meses cando se trate de promocións de máis de cincuenta aloxamentos ou vivendas. Cando se trate de actuacións de rehabilitación, os prazos serán de 30 meses e 32 meses, respectivamente.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e rematará o 31 de outubro de 2024.

A Xunta ten en marcha varios programas dirixidos ao acceso á vivenda, todos eles recollidos no Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, asinado polos representantes das entidades integrantes do pleno do Observatorio de Vivenda de Galicia, documento que xorde da análise conxunta e da contribución de todos os representados no pleno do citado observatorio. No dito pacto recóllense as liñas de actuación pública na materia, constituíndo un instrumento de planificación das políticas públicas neste eido na Comunidade Autónoma.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024