Os familiares colaterais non terán que pagar o imposto de sucesións nas herdanzas de ata 25.000 €

Irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras non pagarán nada nos legados menores a ese importe

O conselleiro de Facenda indica que esta medida beneficiará “a máis de 9.500 galegos cada ano”

Rueda resalta que a Xunta vai seguir apostando “pouco a pouco e con sentidiño” por manter a senda de rebaixas fiscais

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai continuar reducindo a tributación das herdanzas entre parentes, tal e como se comprometou a facer durante os primeiros 100 días de Goberno. En concreto, o titular do Executivo autonómico indicou que se vai modificar a normativa para que “os familiares colaterais non teñan que pagar o imposto de sucesións nas herdanzas de ata 25.000 euros”.

É dicir, estarán exentos de impostos os legados de ata ese importe entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras. Ata agora, tal e como explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, os irmáns non tiñan que pagar nada se a herdanza era de como máximo 16.000 € e o resto de familiares colaterais, nos legados de ata 8.000 €.

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe sobre a medida a adoptar no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD), unha decisión que, unha vez en vigor, podería beneficiar “a máis de 9.500 galegos e galegas cada ano”, segundo indicou Corgos, facendo que deixen de pagar o imposto en torno a un 65% dos parentes do grupo III (colaterais de segundo e terceiro grado, e ascendentes e descendentes por afinidade).

O Goberno galego continúa deste xeito afondando na reforma normativa que permite reducir a tributación nas herdanzas entre familiares directos. Nesta liña, o presidente fixo fincapé en que tras esta nova modificación “Galicia vai ser a cuarta comunidade” con menos impostos para os parentes colaterais.

Tal e como explicou Corgos, dunha banda vaise unificar a redución con independencia do parentesco que se ten respecto á persoa falecida, de xeito que a redución sexa do mesmo importe xa esteamos ante unha sucesión a unha irmá ou a unha sobriña, por exemplo. Por outra banda, vaise incrementar a redución ata os 25.000 euros, o que supoñerá unha diminución, para os irmáns, dun 56% e para o resto dos parentes dese grupo de case un 213%. 

Máis de 800.000 persoas beneficiarias

Mediante as sucesivas reformas que o Goberno galego ven realizando do Imposto de Sucesións e Doazóns (ISD), dende 2016 houbo máis de 813.500 persoas beneficiarias desta tributación, ás que hai que engadir as máis de 13.900 persoas beneficiarias do mellor tratamento fiscal en herdanzas entre irmáns.

Con estas novas medidas Galicia convírtese na Comunidade Autónoma con mellor tratamento fiscal neste III tramo para as herdanzas inferiores a 25.000 € e na 4º nos demais casos.

O presidente salientou que con esta medida Galicia segue o camiño de apostar pola rebaixas de impostos. “Levamos anos con rebaixas fiscais e imos seguir así con rebaixas, pouco a pouco e con sentidiño”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024