O Ciclo de Cultura Científica da Xunta afonda mañá no impacto da intelixencia artificial na educación da man do investigador Francisco Bellas

O experto ofrecerá na Cidade da Cultura unha visión realista e fundada sobre os novos retos que supón a aparición desta nova tecnoloxía

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, co lema Tecnoloxía con sentidiño, afonda esta semana nun dos aspectos de maior actualidade sobre o impacto da tecnoloxía na sociedade: a intelixencia artificial. Será da man de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña.

Baixo o título Educación na era da intelixencia artificial: vaiamos a modo, a conferencia centrarase nos novos retos que supón a aparición da intelixencia artificial, especialmente de ChatGPT no ensino, ofrecendo unha visión realista e fundada sobre se estas novas ferramentas dixitais constitúen ou non unha auténtica revolución educativa. O obxectivo é axudar a docentes, estudantes e familias a coñecer as súas limitacións, beneficios e riscos.

O relatorio poderá seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Penúltima cita do ciclo

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, baixo o lema Tecnoloxía con sentidiño, vai chegando ao seu final, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire, José César Perales, Juanjo Montiel e Javier Sainz de los Terreros.

A última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

O ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2024