A Xunta adxudica por máis de 3,1 M€ as obras de mellora do firme en 7 estradas autonómicas ao seu paso por 10 concellos da provincia da Coruña

As intervencións levaranse a cabo en varios treitos das vías AC-300, AC-303, AC-406, AC-432, AC-546, AC-550 e AC-552, que discorren polos concellos da Baña, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Val do Dubra e Outes

Os traballos consistirán en realizar fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2024

A Xunta adxudicou por 3.168.860 euros as obras de mellora do firme en 7 estradas autonómicas ao seu paso por 10 concellos da provincia da Coruña.

Esta intervención, adxudicada á empresa F. Gómez y Cía. S.L., consiste na rehabilitación do firme en varios treitos das estradas autonómicas AC-300, AC-303, AC-406, AC-432, AC-546, AC-550 e AC-552, que discorren polos concellos da Baña, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Val do Dubra e Outes.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 6 meses, consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.

As intervencións completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

Data de actualización: 03/06/2024