Enmarcadas na Semana de Goberno Aberto, desenvolveranse o 11 e o 12 de xuño

O INTECMAR organiza unhas novas xornadas de portas abertas para dar a coñecer o extraordinario labor que realiza en prol do control do medio mariño

Os participantes comprobarán a funcionalidade deste centro, creado en 1.992, para dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade de produción de moluscos e outros organismos, contribuíndo á protección do medio mariño 

Trátase dun Instituto de recoñecido prestixio, avalado recentemente coa Medalla Institución 2024 ANFACO-CECOPESCA e, en 2022, polo Colexio Oficial de Biológos de Galicia como Institución do Ano

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2024

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), que dirixe Covadonga Salgado, organiza unhas novas xornadas de portas abertas para dar a coñecer o extraordinario labor que realiza este ente en prol do control do medio mariño. Estas accións terán lugar o 11 e o 12 de xuño, en dúas quendas, de 10:00 ás 12:00 horas e de 12:30 a 14:30 horas, respectivamente; e desenvolveranse en diferentes unidades analíticas. Están abertas á cidadanía e a inscrición pode realizarse na seguinte ligazón: http://www.intecmar.gal/intecmar/xornadas_2.asp.

Enmárcanse na Semana de Goberno Aberto, que se celebra dende o 16 ao 16 de xuño, coordinada pola Consellería de Facenda e Administración Pública. Esta celebración supón unha oportunidade para amosar á sociedade a organización da administración e a prestación de servizos públicos que xestionan todos os departamentos e entidades da Xunta de Galicia e, polo tanto, tamén contribúen a poñer en valor moitas accións que son descoñecidas.

Dende 1.992 este Instituto non cesou na súa finalidade de dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade de produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer o medio, en primeiro lugar, no eido da seguridade alimentaria, mediante o control no que se refire a condicións oceanográficas, fitoplancto, biotoxinas mariñas, contaminación química, microbioloxía e patoloxía; en segundo lugar, no da sanidade animal, realizando seguimento e control das patoloxías en moluscos bivalvos; e, finalmente, nos campos da observación do océano e a loita contra a contaminación mariña accidental, así como prestar apoio científico e técnico nas emerxencias mariñas. Deste xeito, antes da visita ás instalacións, os participantes poderán coñecer todas estas funcións e a historia deste centro de referencia mundial, a través dunha charla informativa. 

De recoñecido prestixio

O INTECMAR , dependente da Consellería do Mar, é un centro de recoñecido prestixio. Na última década, sumou 164 visitas, nas que participaron máis de 1.660 persoas procedentes de 44 países. Recentemente, vén de ser distinguido coa Medalla Institución 2024 de ANFACO-CECOPESCA e, no ano 2022, foi recoñecido como Institución do Ano polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 01/06/2024