O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o centro para dar conta dos ciclos que se poderán cursar a partir de setembro

A Xunta impulsa a Escola de Cantería de Poio coa súa conversión nun centro integrado de FP e a incorporación de catro novas titulacións

Román Rodríguez subliña que o obxectivo é “potenciar o oficio da cantería” fomentando a innovación e a tecnoloxía e atendendo ás demandas do sector

Entre as novidades formativas destaca o ciclo en Pedra natural especializado en cantería, unha das 13 novas titulacións de alta especialización que se implantarán en Galicia o próximo curso

Tamén se ofertarán os ciclos duais de Proxectos de edificación e de Construción e o grao básico en Reforma e mantemento de edificios

Poio (Pontevedra), 1 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia dálle un impulso a Escola de Cantería de Poio (Pontevedra) coa súa incorporación á Rede de Centros Integrados de FP e o reforzo da oferta formativa con catro novas titulacións para o vindeiro curso 2024-25, entre elas unha de alta especialización do total de 13 novas deste tipo que se incorporan a partir de setembro.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez achegouse esta mañá á Escola para dar conta das novidades académicas para este centro, logo de que o Goberno autonómico asumira a súa titularidade o pasado ano para convertese nun centro público docente dependente da Consellería. Un cambio que se traduce en melloras importantes para o alumnado, xa que a partir deste curso, ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional.

“Neste traspaso asumimos o compromiso de potenciar o oficio da cantería en liña coas novas necesidades e demandas do sector e que agora plasmamos a través da nova oferta de FP que se aprobará no Consello da Xunta deste luns e na que teremos de novo un récord de prazas”, explicou o conselleiro, que destacou o deseño de itinerarios formativos “moi específicos e especializados e titulacións de alta especialización que vai supoñer un salto de calidade” nos estudos de cantería en Galicia.

Paralelamente, a Xunta está ultimando os trámites administrativos para a incorporación da Escola de Cantería á Rede de Centros Integrados de FP como un CIFP especializado no sector da edificación, a construción e a cantería, polo que serán xa 28 os centros que formen parte desta rede que está en constante ampliación.

Precisamente, este é un dos dos obxectivos fixados na Estratexia de FP Galicia 2030, que establece como un dos seus eixes promover o papel dos centros integrados de excelencia como referencia para cada familia profesional e sector produtivo e que estes centros desenvolvan accións de innovación do profesorado coa participación activa do tecido empresarial e de institución.

Así pois, no caso da Escola de Cantería, a súa inclusión na Rede de CIFP enmárcase na aposta da Xunta por “recuperar e potenciar o oficio de cantería, un dos máis antigos e representativos de Galicia é un dos eidos con máis dificultades de relevo xeracional”, subliñou o conselleiro. O titular de Educación explicou tamén que a oferta deseñouse tendo en conta tamén a crecente demanda das empresas de contar con persoas que dispoñan das competencias necesarias para empregar as últimas tecnoloxías e materiais, co obxecto de ofrecer solucións innovadoras no eido construtivo.

Oferta que se incorpora

Neste contexto, e para atender precisamente á finalidade de “compaxinar o estudo dun oficio artesán cos novos retos tecnolóxicos”, a partir de setembro incorpóranse catro novas titulacións ao catálogo formativo desta escola, das cales dúas son ciclos duais e outra é unha titulación de alta especialización. Suman un total de 92 prazas de nova oferta e o compromiso é seguir incrementando o número ano a ano ata superar as 300.

Trátase do ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios (18 prazas), dos ciclos de FP dual en Construción (22 prazas) e en Proxectos de Edificación (30 prazas) e da titulación de alta especialización en Pedra Natural especializada en cantería (22 prazas), unha das 13 deste tipo que entran novas este curso en toda Galicia.

As titulacións de alta especialización son unha proposta exclusiva de Galicia onde, atendendo a demandas específicas por parte dos sectores produtivos, deséñanse itinerarios formativos moi especializados feitos ad hoc que ben poden ser dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos. Por tanto, no caso da titulación de Pedra Natural especializada en cantería está enfocada a formar persoal con alta cualificación para atender a demanda nos sectores da construción en pedra e da restauración. 

Na visita á Escola de Cantería, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e por representantes das empresas Construcciones Hermanos Sanz, Construcciones Ramírez, Aluminios Cortizo, e SanJosé Constructora, que colaboran coa Formación Profesional neste centro. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, foi o encargado de dar a benvida a todos os asistentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2024