O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu no acto de inauguración do XXXIII Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía

Os servizos de Uroloxía do Servizo Galego de Saúde realizaron máis de 1.700 intervencións cos robots da Vinci desde a súa implantación en 2021

Gómez Caamaño remarca que as vías rápidas de cancro de próstata e de vexiga beneficiaron a 5.936 pacientes o pasado ano, cun tempo de espera medio de 5,8 días

Incide en que Galicia é unha comunidade pioneira nos avances en uroloxía, unha posición que non podería acadar sen o excelente traballo dos profesionais sanitarios

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

Os servizos de Uroloxía do Servizo Galego de Saúde realizaron máis de 1.700 intervencións cos robots da Vinci desde a súa implantación en xullo de 2021. 

Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na inauguración do XXXIII Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía, acto no que estivo acompañado pola presidenta da Sociedade Galega de Uroloxía, Elena López; e polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio.

Na súa intervención Gómez Caamaño puxo en valor o traballo dos profesionais deste servizo e destacou a importancia das vías rápidas, que garanten un acceso inmediato do paciente ao facultativo en caso de patoloxía oncolóxica. Explicou, en concreto, que as referidas ao cancro de próstata e de vexiga beneficiaron a 5.936 pacientes no pasado ano, cunha media de tempo de espera de 5,8 días.

Gómez Caamaño cualificou de gran salto o inicio, próximo, do programa de cribados nesta materia que situará a Galicia de novo á vangarda. 

Incidiu en que, grazas ao traballo conxunto de oncólogos, urólogos, oncoloxía radioterápica e medicina nuclear, a Xunta está a ultimar a actualización da ruta asistencial e de manexo do cancro de próstata no Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de garantir un mellor diagnóstico temperán e o mellor tratamento posible a toda a poboación galega, en concordancia coa Estratexia de Xestión do Cancro 2022-2023.

O conselleiro rematou a súa intervención sinalando que Galicia é unha comunidade pioneira nos avances en uroloxía, unha posición que non se podería acadar sen o excelente traballo dos profesionais e sen a colaboración de institucións como a Sociedade Galega de Uroloxía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024