Lorenzana reúnese co alcalde de Ribadavia para abordar as necesidades de solo industrial do Concello

Este encontro enmárcase na rolda de contactos que a conselleira está a manter cos rexedores galegos toda vez que a Consellería vén de asumir as competencias en materia de solo industrial

Santiago, 31 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Ribadavia, César Fernández, con quen abordou as necesidades de solo industrial do concello.

A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que Lorenzana está a manter cos distintos rexedores locais toda vez que a Consellería acaba de asumir as competencias en materia de solo industrial, a través da DDirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, que inclúe na planificación industrial e enerxética a capacidade, tamén, para xestionar o solo empresarial que existe en Galicia e desenvolvelo onde sexa necesario. Nesta liña, Lorenzana lembrou tamén que o Goberno galego conta cun programa de axudas para os parques empresariais. Concretamente para a mellora de infraestruturas, en proceso de resolución; para a creación de viveiros industriais e unha terceira liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica.

Conselleira e alcalde tamén abordaron as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento así como tamén os servizos de atención personalizada ás empresas que ofrece a Oficina Económica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024