O director xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade participou hoxe nunha das accións organizadas no concello de Mos

A Xunta colabora na oitava edición da xornada de recollida de lixo 1m2 contra a basuraleza

A iniciativa, organizada de forma simultánea en todo o país, ten como fin reducir a presenza de lixo na natureza e concienciar á poboación sobre a importancia da reciclaxe

Mos (Pontevedra), 1 de xuño de 2024.- A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa campaña 1m2 contra a basuraleza, unha iniciativa que este ano cumpre a súa oitava edición co obxectivo de contribuír a loitar contra a presenza de lixo na natureza e sensibilizar á cidadanía sobre este problema medioambiental.

O director xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, Ramón Boga, acompañado de Bruno de Llano, especialista en xestión local de Ecoembes en Galicia, participou hoxe en Mos nunha das accións colaborativas de limpeza convocadas este sábado en todo o país con motivo da celebración do Día mundial do medio ambiente, o vindeiro 5 de xuño.

Durante a actividade, o director xeral salientou o compromiso da Xunta coa promoción desta iniciativa, que se enmarca no Proxecto Libera impulsado por SEO/BirdLife en colaboración con Ecoembes. “O lixo na natureza é un problema que nos afecta a todos e todos debemos formar parte da solución”, indicou.

Nesta ocasión, máis de mil voluntarios galegos colaboraron nas 70 recollidas de lixo organizadas en diferentes quendas en toda Galicia. Concretamente, fixáronse 28 puntos na provincia da Coruña, 3 na de Lugo, 14 en Ourense e 25 en Pontevedra, incluída a que organizou o Concello de Mos ás 10,00 horas para limpar a contorna do río Perral.

Con este tipo de campañas de sensibilización e mobilización social a través de accións de voluntariado contribúese a eliminar dos espazos naturais todo tipo de residuos, como poden ser cabichas, pneumáticos, envases plásticos e outros refugallos.

Cómpre lembrar que esta nova acción forma parte das limpezas periódicas enmarcadas na iniciativa 1m2 polas contornas —que inclúe tamén as accións de 1m2 por praias e mares, 1m2 por ríos, encoros e pantanos e 1m2 polo campo, os bosques e o monte—, cuxo obxectivo non é só liberar a natureza de lixo senón caracterizar e tipificar os residuos que se atopan en cada punto de limpeza, a través da aplicación da chamada ciencia cidadá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2024