A conselleira de Economía e Industria reuniuse hoxe con representantes do Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga)

Lorenzana solicita ao Goberno central que non se repartan fondos dos Perte que permitan a deslocalización das compras en economías emerxentes

Reclama ao Estado que transfira os fondos dos Pertes industriais ás comunidades autónomas ou que deseñe convocatorias de axudas para as auxiliares da automoción que garantan o emprego local 

 Lembra que en xuño se convocarán o programa de axudas extraordinarias aprobado pola Xunta para as empresas provedoras da automoción, dotado con 18M€ que e que inclúe dúas liñas de axuda a fondo perdido que oscilan entre os 300.000 e os 700.000 euros

Vigo, 31 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou ao Goberno central que non permita a deslocalización das compras en economías emerxentes a través do reparto dos fondos dos PERTE. Así o manifestou logo do encontro celebrado hoxe co Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), onde tamén avanzou que a Xunta estuda posibles modificacións no orzamento dos fondos Feder que lle corresponden a Galicia para favorecer a industria galega da automoción.

Neste sentido, a titular de Economía e Industria reclamou ao Goberno central que transfira os fondos dos Pertes ás comunidades autónomas ou que deseñe convocatorias de axudas para as auxiliares da automoción que garantan o emprego local directamente ás empresas. “Temos ben deseñadas as fórmulas porque falamos constantemente co sector”, dixo Lorenzana con respecto ás transferencias destes fondos á Administración autonómica. “Eu insto ao Ministerio de Industria a que traballe con nós e transfira estes fondos”, afirmou, para apuntar que dos 33.500 M€ dos Pertes industriais o 50 por cento aínda está sen convocar.

De non facer así, proseguiu, a conselleira solicitou que no deseño das convocatorias das axudas para o sector da automoción, sabendo que a industria auxiliar dá emprego a unhas 18.000 persoas, “se teña en conta a redución da pegada de carbono para así poder adxudicar as axudas a quen contrata en local e se manteña o emprego neste caso en Galicia”.

Con respecto á posible modificación do orzamento dos fondos Feder que lle corresponden a Galicia, a conselleira apuntou que o obxectivo pasa por prestar o máximo apoio á industria galega da automoción, especialmente, á auxiliar e á de fabricación de compoñentes, coa previsión de contar xa con crédito no ano 2025 e continuar con novas axudas en anos posteriores. 

Lorenzana reiterou que a Xunta vai seguir traballando e apoiando a automoción galega para que poida seguir investindo e competindo con outras economías do mundo. E, nesta liña, lembrou que en xuño se convocarán o programa de axudas extraordinarias aprobado pola Xunta para as empresas provedoras do sector, dotado con 18M€ que e que inclúe dúas liñas de axuda a fondo perdido que oscilan entre os 300.000 e os 700.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024