Román Rodríguez anima á mocidade a achegarse ao stand de FP en Silleda para coñecer a oferta destas ensinanzas que se reforzarán o vindeiro curso

O conselleiro visita o expositor no Salón de Alimentación do Atlántico, onde avanzou que se acadará de novo “unha cifra histórica” de prazas de FP

Silleda (Pontevedra), 1 de xuño de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o stand de Formación Profesional no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca) que se está a desenvolver na Feira Internacional de Galicia Abanca, na localidade de Silleda.

O titular de Educación do Goberno galego animou á mocidade a que se achegue a este espazo para coñecer de primeira man “a oferta formativa e as saídas profesionais” que ofrecen estas ensinanzas “nas que Galicia é un referente a nivel estatal”. A este respecto, indicou que a Xunta vai reforzar, de novo, a oferta de prazas de FP para o vindeiro curso, polo que “acadaremos outro máximo histórico”.

Así pois, ata mañá domingo, cando a feira pechará as súas portas, as persoas que se acheguen ao stand da FP galega en Silleda recibirán información de primeira man sobre o abano de posibilidades formativas que ofrece o sistema educativo galego neste eido, e mesmo poderán asistir a demostracións e experiencias en directo a través de distintos obradoiros. Este ano están representados os centros integrados de FP CIFP Paseo das Pontes da Coruña), CIFP Fraga do Eume de Pontedeume, CIFP Compostela de Santiago,  CIFP Manuel Antonio de Vigo e CIFP de Vilamarín.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2024