A Xunta abre o prazo para participar no Plan Proxecta , ao que este curso se adheriron 685 centros

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita unha actividade no IES de Ordes co gallo da publicación desta convocatoria

Así mesmo, faise pública a resolución provisional de centros plurilingües, modelo co que contarán 511 centros a partir de setembro

O Portal Educativo publica tamén a resolución do programa E-Dixgal, no que participarán o vindeiro curso 613 centros

Deste xeito, a Consellería de Educación avanza na preparación do próximo curso a través de distintos programas aos que os centros se poden sumar voluntariamente

 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES de Ordes, coincidindo coa publicación da convocatoria do Plan Proxecta para o vindeiro curso. Precisamente, neste centro puido comprobar o desenvolvemento dun dos programas que compoñen o plan, Aliméntate ben, que o instituto desenvolve co obxectivo de mellorar os hábitos alimenticios da comunidade escolar.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP integra no Plan Proxecta un total de 45 programas educativos, o conxunto de iniciativas formativas en distintos ámbitos que ofertan as consellerías do Goberno galego en colaboración con outras institucións.

A oferta de actividades, que complementa os currículos, está relacionada cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de xullo e deberán facerse a través da aplicación de programas educativos. Este curso participan no Proxecta un total de 685 centros de toda Galicia, coa implicación de máis de 8.000 docentes.

Mellora do libro dixital

Por outra banda, a Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria do E-Dixgal, cos centros que formarán parte do programa de libro dixital o vindeiro curso. Serán un total de 613 os colexios e institutos que desenvolvan este modelo de ensino híbrido, onde conviven o analóxico co dixital. Deles, 608 xa desenvolvían o programa e deciden continuar nel, incluso un ampliando a súa participación. Trátase do Instituto IES República Oriental do Uruguai, de Vigo, que o tiña implantado en 1 e 2º de ESO e o incorpora agora a 3º e 4º desta etapa.

Ademais, súmanse á iniciativa cinco novos centros. En concreto, incorpórano en 5º de Primaria os colexios CEIP Vicente Risco (Cualedro, Ourense) e CEIP Plurilingüe Ramón y Cajal (Vigo); e en 5º e 6 de Primaria, os colexios CEIP Plurilingüe Celso Currás (Trabada, Lugo) e CEIP Plurilingüe Rodolfo Núñez Rodríguez (Vilardevós, Ourense).

Así mesmo, o Centro Público Integrado CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra) súmase ao programa incorporándoo ao tempo en 5º e 6º de Primaria e en 1º de ESO. Por outra banda, decidiron solicitar a baixa no E-Dixgal 22 centros educativos.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación vai mellorar o programa para o curso 2024/25 cun amplo abano de medidas, entre elas mellores contidos, un dossier deseñado para uso dixital ou impreso con todas as materias e todos os niveis, asesoramento e apoio aos centros, o reforzo da formación do profesorado e da información ás familias.

Récord de auxiliares de conversa

Así mesmo, o Portal Educativo publica hoxe a resolución provisional dos centros que solicitaron incorporarse ao modelo de plurilingüismo no ensino. Pendente da resolución definitiva, contarán con ensinanzas plurilingües o vindeiro curso un total de 511 centros educativos de toda Galicia, 11 máis ca no actual ano académico.

Do total de centros plurilingües, 466 serano en Primaria ou ESO ou en ambas etapas á vez, 250 na etapa de Infantil e 15 centros en Bacharelato. Non se produciron renuncias, polo que todos os centros que participan na iniciativa este curso continúan o próximo.

Contarán co apoio de 665 auxiliares de conversa nativos de países estranxeiros (10 máis ca no actual curso), récord histórico no número de persoas que colaboran no apoio á aprendizaxe de idiomas.

Coa publicación destas resolucións, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP avanza na preparación do vindeiro curso a través de distintos programas aos que os centros se poden adherir voluntariamente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024