O presidente da Xunta participou na entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística

Rueda felicita ao sector turístico por contribuír a reforzar a calidade de Galicia como destino

Recorda que a comunidade lidera as certificacións Q e S de Calidade e Sustentabilidade Turística

Destaca o bo momento do sector en Galicia, con máis de 1,3 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos turísticos nos primeiros catro meses do ano

Este ano incrementarase un 23% a contía de axudas para apoiar a establecementos e servizos turísticos

Muxía (A Coruña), 31 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do seu Executivo no apoio ao sector turístico galego e felicitouno por estar contribuíndo a reforzar a calidade do destino e, deste xeito, facelo, ademais, máis atractivo para os viaxeiros.

Así o fixo na entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións “Q” de Calidade e 39 “S” de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S.

Neste sentido, o mandatario galego quixo salientar o traballo que se está a facer en Galicia para combinar ambos aspectos, apostando por un turismo que sexa respectuoso co medio, e puxo a Muxía como modelo claro neste eido: “Muxía é un perfecto exemplo, que está vendo no turismo un recurso fundamental que está cambiando Muxía para ben sen cambiar a súas esencia”, declarou o presidente.

Para Rueda, o sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado. Neste sentido, referiuse aos máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano: “Hai catro anos, en plena pandemia, todo o mundo pensaba que ía costar moitísimo chegar ás cifras do 2019, e resulta que estamos moi por enriba”, salientou.

De xeito paralelo, tamén nos catro primeiros meses o sector hoteleiro avanzou na mellora da súa rendibilidade, cun crecemento do 2% e acadando os niveis máis elevados desde que se teñen rexistros.

Por iso, o presidente reiterou o apoio do seu Executivo ás empresas e entidades que conforman o sector. De feito, este ano incrementarse un 23% a contía de axudas para apoiar a establecementos e servizos turísticos nos procesos de certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade ou a S de Sostibilidade no marco do Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística que este ano conta cun investimento de máis de medio millón de euros.

Por último, o presidente da Xunta manifestou a importancia de apostar por un turismo de calidade, que reforce desa maneira que haxa visitantes durante todo o ano: “Canto máis sustentabilidade e calidade haxa, iremos conseguindo algo que xa é unha realidade: a desestacionalización”, rematou Rueda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024