Unha vintena de centros desenvolve este curso unha ópera como proxecto educativo da man do Teatro Real

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausura a xornada que pon fin ao programa ‘LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe)’

Participan 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros educativos con 21 compañías

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou hoxe o programa LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe), unha iniciativa desenvolvida en colaboración co Teatro Real na que este curso participaron 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros con 21 compañías.

A iniciativa LÓVA, que desde os seus inicios hai 16 anos suma un total de 18.000 alumnos, é un proxecto innovador que utiliza a creación e produción dunha ópera como ferramenta pedagóxica para o desenvolvemento integral do alumnado. Na súa traxectoria ten acadados recoñecementos tan relevantes como o Premio Nacional de Boas Prácticas ou boa práctica educativa pola Cátedra Unesco, entre outros.

Para Román Rodríguez, a iniciativa é unha mostra do “fortalecemento das ensinanzas artísticas, que son sinónimo de profesionalización e reforzo da nosa cultura”. O conselleiro reivindicou a súa utilidade “como parámetro da calidade de vida dun territorio”. Como sinalou, o proxecto do Teatro Real é moito máis que un simulacro de ópera: “É unha experiencia educativa que involucra o coñecemento co ocio, converténdose nunha demostración clara do poder inclusivo e plural da educación como instrumento universal de integración para o benestar individual e colectivo”, engadiu. 

O vindeiro curso 2024/25, o número de participantes de LÓVA poderá seguir incrementándose, pois ábrese unha nova convocatoria para un máximo de 13 centros.

A xornada na Cidade da Cultura

O encontro que se desenvolve hoxe na Cidade da Cultura ten como finalidade visibilizar o traballo desenvolvido polas compañías dos centros educativos que participan en LÓVA. Así mesmo, con esta cita búscase o recoñecemento ao alumnado que participa nel e, por outro lado, darlle a coñecer o proxecto ao profesorado que estea interesado.

Así, os docentes poden formarse sobre LÓVA, focalizándose nas ensinanzas artísticas a través de mesas redondas sobre as súas competencias clave, o seu proceso de transformación educativa e fases para a implementación no centro, así como os elementos do currículo que participan no desenvolvemento da iniciativa. Ademais, realízanse obradoiros sobre dinámicas e retos de LÓVA, sobre composición musical a cargo do pianista Jorge Bedoya, sobre maquillaxe artística e sobre dramatización.

No caso dos estudantes, tiveron a oportunidade de participar en talleres de composición musical, perruquería, iluminación, vestiario e audiovisual, entre outros. Así mesmo, visitaron a exposición sobre o proxecto e asistiron a unha representación de óperas.

Os centros participantes son os seguintes:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

As Pontes de García Rodríguez

CEIP A Magdalena

A Coruña

Cariño

CEIP Manuel Fraga

A Coruña

Cabanas

CEIP Plurilingüe Eladia Mariño

A Coruña

A Coruña

CEIP Isaac Díaz Pardo

A Coruña

A Coruña

CPR Grande Obra de Atocha

A Coruña

Ferrol

CEIP de Pazos

A Coruña

Ferrol

CPR Santa Juana de Lestonnac

A Coruña

A Laracha

CEIP Ramón Otero Pedrayo

A Coruña

Ponteceso

IES Eduardo Pondal

A Coruña

Pontedeume

CPR San José

A Coruña

San Sadurniño

CPI de San Sadurniño

Pontevedra

Cangas

CPR Eduardo Pondal

Pontevedra

Cangas

CEIP San Roque de  Darbo

Pontevedra

A Cañiza

CPI da Cañiza

Pontevedra

A Estrada

CEIP Pérez Viondi

Pontevedra

Ponteareas

IES do Barral

Pontevedra

Pontevedra

CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos

Pontevedra

Tomiño

CEIP Plurilingüe de Tebra

Pontevedra

Vigo

CPR Andersen Augalonga

Data de actualización: 31/05/2024