A Xunta e a Real Academia Galega de ciencias suman esforzos na divulgación da investigación en Galicia

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, reúnese con representantes da RAGC para abordar iniciativas comúns

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, recibiu esta mañá na sede da axencia ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Manuel Lema; á súa vicepresidenta, Alicia Estévez, e ao responsable de publicacións e relacións sociais, Fernando Pérez.

No encontro, a representación da RAGC expúxolle á representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP as actividades que desenvolven, así como os seus plans de futuro e conversaron sobre as iniciativas que comparten ambas entidades. En concreto, a Xunta colabora, entre outros, nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia e no Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas.

A directora de Gain destacou o amplo labor de divulgación da ciencia que realiza a institución a todos os niveis, desde os centros de ensino ata a sociedade en xeral, e o importante papel que xogan no recoñecemento a figuras senlleiras da historia da ciencia en Galicia, así como a científicos e científicas actuais en diferentes etapas da súa carreira profesional.

Neste senso, Carmen Cotelo reafirmou o interese da Xunta en seguir sumando esforzos neste ámbito, co obxectivo de facer consciente á sociedade da importancia da ciencia e da tecnoloxía no noso benestar económico e social, así como render homenaxe a aqueles persoeiros que fixeron e fan unha importante achega ao coñecemento e a tecnoloxía xerada en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024