A Xunta de Galicia licita a reforma da rúa Miño en Salvaterra cun investimento de 424.000 euros

A delegada territorial, Ana Ortiz, e a alcaldesa, Marta Valcárcel, visitaron este venres a zona que será obxecto de mellora

A Axencia Galega de Infraestruturas mellorará o firme, unificará o deseño dos accesos aos garaxes e o ancho das beirarrúas dispoñendo sumidoiros e iluminación

Vigo, 31 de maio de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, realizaron este venres un percorrido pola rúa Miño, que será reformada nos vindeiros meses para levar a cabo unha mellora das beirarrúas, a rede de saneamento e o alumeado público.

A representante autonómica destacou que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), dependente da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, licitou hoxe a obra “Conexión da ponte internacional coa PO-510 (Salvaterra de Miño)” cun orzamento base de 424.313,34 euros.

“Estamos ante un novo investimento da Xunta na área territorial de Vigo co obxectivo de dispoñer de estradas e rúas máis seguras, accesibles e funcionais neste municipio e así avanzar na ordenación da rede viaria autonómica, que ten a singularidade de canalizar a conexión con Portugal”, sinalou Ana Ortiz.

Para iso acondicionarase un treito final de algo máis de 350 metros cun prazo de execución dos traballos de seis meses. Ademais, indicou que as obras comezarán despois do verano para non entorpecer o tráfico nos accesos de ida e volta na ponte. Actuarase, concretamente, no treito que vai da rúa Rosalía de Castro ata a rúa Fontoura.

Ana Ortiz sinalou que as obras consisten na pavimentación dos viarios cunha mellora do firme, que inclúe unha capa de regularización; construción das beirarrúas unificando os seus anchos e mellorando e unificando o deseño dos accesos aos garaxes. Tamén se levará a cabo a construción de sumidoiros e rede de alumeado, así como a sinalización horizontal da estrada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024