O conselleiro de Cultura reúnese coa Asociación Galega de Empresas Musicais para abordar o traballo conxunto a prol do sector

López Campos recibe a xunta directiva deste colectivo, do que forman parte preto de 50 compañías da industria musical galega

Ademais das liñas de apoio desenvolvidas actualmente pola Xunta, tratáronse posibles accións futuras a partir dos resultados dun recente estudo de autodiagnose do sector, impulsado pola propia AGEM

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo hoxe unha xuntanza coa directiva da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) para abordar as principais liñas do traballo conxunto a prol do desenvolvemento e a profesionalización do sector en Galicia.

Asistiron a esta reunión os integrantes da recentemente reelixida xunta directiva de AGEM, conformada por Patricia Hermida, como presidenta, Josiño Carballo e Ángel Dieste. Participou tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Dentro dos temas tratados, analizáronse algunhas das novas medidas que a Xunta está a deseñar en colaboración co devandito colectivo, integrado por preto de 50 empresas da industria musical galega. Para a posta en marcha destas futuras vías de acción, que verán a luz nos vindeiros meses, tomáronse en conta os resultados do informe Impacto da industria musical de Galicia: tendencias, retos e oportunidades, realizado por un equipo da Universidade de Santiago e publicado en xaneiro por AGEM co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Entre outros datos significativos, o estudo mostra que, cun investimento público de 53,6 M€, a industria musical xera unha actividade económica de 181,6 M€, cun efecto multiplicador de 3,38 puntos e un importante  impacto directo e indirecto sobre a economía, ao que debe engadirse o inducido sobre outros sectores como a hostalería e o turismo.  O traballo tamén cifra en 6000 os eventos musicais celebrados en Galicia en 2022, o que supuxo unha recadación aproximada de 6M€.

As liñas de subvencións e patrocinios ao sector desenvolvidas en 2024 a través da Axencia Galega das Industrias Culturais foron tamén obxecto desta xuntanza, cunha especial atención ao impulso do talento, aos festivais e á programación de bandas e intérpretes de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024