A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu a reunión do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads)

A Xunta avanza na tramitación do Plan de xestión da Serra de Pena Corneira que compatibiliza a protección deste espazo co seu uso público

O proxecto de decreto, sometido a consideración do Cogamads, busca identificar os valores a protexer, os posibles riscos, as normas de aproveitamento do solo e dos recursos naturais así como de acceso da poboación ao monumento natural

Ángeles Vázquez detalla que entre as actuacións previstas ao abeiro deste documento están, entre outras, a realización dun inventario dos valores xeomorfolóxicos existentes, o establecemento de acordos coas mancomunidades de montes para o fomento da súa conservación e un mantemento silvícola sostible

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliña que o plan será elevado nas próximas semanas ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posteriormente publicarase no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

A Xunta de Galicia avanza na tramitación do proxecto de decreto de aprobación do Plan de xestión do monumento natural Serra de Pena Corneira ao elevalo ante o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) para a súa consideración.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presidiu a reunión deste foro de participación pública e institucional en materia medioambiental onde destacou que o plan de xestión busca protexer a xeomorfoloxía única deste espazo e a biodiversidade existente na súa contorna compatibilizándoo co seu uso público, facéndoo accesible para o conxunto da poboación.

A responsable autonómica lembrou que a tramitación deste documento comezou en xuño de 2023 co trámite de información pública e distintas consultas con entidades e organismos relacionados. A súa finalidade é identificar os valores a protexer, os posibles riscos, as normas de uso de aproveitamento do solo e dos recursos naturais así como as relativas ao uso público deste monumento natural.

De feito, a primeira das dúas liñas estratéxicas do plan céntrase na mellora e restablecemento do estado de conservación dos valores xeomorfolóxicos, da paisaxe, dos hábitats e especies deste espazo, apostando por accións de conservación. Mentres, a segunda incide no aproveitamento sostible do monte, no uso público e na difusión dos valores deste espazo promovendo unha xestión ordenada e favorecendo unha maior sensibilización ambiental.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático destacou que o documento prevé distintas actuacións con este obxectivo como a realización dun inventario dos valores xeomorfolóxicos existentes no ámbito deste monumento, o establecemento de acordos coas mancomunidades de montes para o fomento da súa conservación, o mantemento silvícola sostible e a mellora da conectividade dos hábitats naturais así como a análise da compatibilidade dos usos públicos.

Ángeles Vázquez detallou que, unha vez sometido a consideración do pleno do Cogamads, o proxecto de decreto do plan de xestión de Pena Corneira será elevado nas próximas semanas ao Consello da Xunta para a súa aprobación e posteriormente publicarase no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor.

A conselleira puxo en valor a análise deste documento por parte deste órgano de consulta e asesoramento pois xa avaliou anteriormente textos lexislativos relevantes como os plans reitores de uso e xestión (PRUX) dos seis parques naturais galegos e do parque nacional, normativas de carácter autonómico como a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia ou os plans de conservación e xestión de monumentos naturais como o do Souto da Retorta ou a Fraga de Catasós.

Espazo protexido 

A Serra de Pena Corneira foi declarada monumento natural no ano 2007 e forma parte da Rede de Espazos Protexidos de Galicia, conformada por 97 enclaves. De feito, conta con 997 hectáreas de extensión -entre os concellos ourensáns de Avión, Carballeda de Avia e Leiro- co que é o monumento natural de maior extensión da comunidade.

A importancia deste espazo radica na súa peculiar xeomorfoloxía, especialmente na diversidade da composición e cristalización dos granitos que provocou neste macizo, unha evolución da paisaxe caracterizada por formas rochosas. A serra conta cunha complexa asociación de formas xeolóxicas que teñen un interese especial pola singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024