Martínez Allegue supervisa as obras da terceira fase de mellora da estrada PO-235 no concello da Lama

Actúase ao longo dos case 7 quilómetros da vía autonómica, desde a parroquia de Seixido ata A Portela da Cruz, no límite coa provincia de Ourense, para mellorar a circulación e facilitar os desprazamentos

Ampliarase a calzada ata os 7 metros de ancho e mellorarase o seu trazado en diversas curvas

A previsión é que os traballos, que comezaron este mes de maio e axilizaranse durante o verán, estean finalizados no terceiro trimestre de 2025

A intervención culmina as actuacións de acondicionamento integral da vía ao longo dos seus 25 quilómetros

A Lama (Pontevedra), 31 de maio de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe xunto ao alcalde da Lama, David Carrera, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, as obras da terceira fase da mellora da PO-235, que se acaban de iniciar neste mes de maio e que completarán a transformación integral desta estrada autonómica neste concello pontevedrés. O obxectivo da Xunta é ter finalizadas as obras no terceiro trimestre de 2025.

Como destacou Martínez Allegue, os traballos desta terceira fase do acondicionamento desta estrada autonómica desenvólvense ao longo de case 7 quilómetros, entre a parroquia de Seixido ata A Portela da Cruz, no límite coa provincia de Ourense. Trátase, como subliñou, dunha actuación “moi agardada polos veciños e demandada polo Concello”, que redundará “na mellora da seguridade viaria, na comodidade dos desprazamentos e, en definitiva, na mellora da calidade de vida dos veciños”.

A actuación na PO-235 aborda a ampliación da plataforma ata acadar os 7 metros de ancho, de xeito que a vía disporá de 2 carrís cun ancho de 3 metros e beiravías de 0,5 metros en cada marxe, ademais dunha cuneta transitable de 1,50 metros. Na actualidade, nese treito a estrada ten estreitamentos que dificultan o cruce de vehículos e un ancho máximo de 5,60 metros, un problema ao que se dará solución con esta intervención

A intervención incluirá ademais a renovación do firme da estrada e a capa de rodaxe e tamén se abordará a mellora do trazado en distintas curvas ao longo do tramo obxecto de actuación.

Neste senso, Martínez Allegue explicou que se parte dunha estrada sinuosa, con curvas de radio reducido e incluso con curvas consecutivas ao longo dun quilómetro, “así que con esta agardada actuación incrementarase a seguridade viaria nesa zona”.

Incluirase tamén a adaptación da drenaxe transversal da plataforma con tres puntos principais de evacuación e os traballos completaranse co revestimento de cunetas e á renovación do tendido, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas. 

Con esta nova actuación na estrada autonómica PO-235 na Lama culmínase o acondicionamento integral da vía ao longo dos seus 25 quilómetros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2024